CRTVG

Buscar

Galicia ilumínase de azul polos 30 anos da Convención sobre os Dereitos do Neno

Publicado o 20/11/2019 13:29

No 30 aniversario da Convención sobre os Dereitos do Neno, monumentos emblemáticos de Galicia e edificios institucionais ilumínanse de azul. O fin é poñer o foco na necesidade de adoptar accións urxentes fronte ás ameazas que afectan a infancia.

Irene Marín Barca, coordinadora do Comité Galicia-Unicef: "Houbo moitos avances, pero temos grandes retos relacionados coas tendencias, coa actualidade, como o cambio climático, que afecta de xeito moi importante os nenos e nenas, e tamén temas como o ciberbullying".

En Unicef alertan dunha desaceleración na taxa de vacinación e da falta de atención á saúde mental dos pequenos. Tamén piden máis participación dos nenos para que opinen do que lles afecta. E falan, ademais, dun problema máis común do que se pensa, da pobreza.

Irene Marín Barca, coordinadora do Comité Galicia-Unicef: "A pobreza témola preto. Un de cada catro nenos en Galicia está en situación de pobreza ou exclusión, segundo o indicador AROPE. Son nenos, por exemplo, que non teñen a posibilidade de comer carne ou peixe dúas ou tres veces á semana, que non teñen calefacción na casa".

Unicef pide a colaboración de todos: cidadáns, empresas e institucións. Di que só con innovación, coas novas tecnoloxías, con vontade política e co aumento dos recursos será posible facer realidade a visión da Convención sobre os Dereitos do Neno para todos os pequenos do mundo.

Noticias web

20/11/2019