Galicia gañou 12.392 habitantes en 2018 grazas aos movementos migratorios

Galicia gañou un total de 12.391 habitantes grazas aos movementos migratorios do ano 2018, o que supón un incremento do 85 por cento respecto ao ano anterior, segundo reflicte a explotación de movementos migratorios publicada este venres polo Instituto Galego de Estatística (IGE).
No ano 2018, a chegada de inmigrantes a Galicia –doutras comunidades autónomas ou do estranxeiro- ascendeu a 42.757 persoas, cifra que superou amplamente o número de emigracións, que se situou en 30.366 persoas. A diferenza entre estas entradas e saídas denomínase saldo migratorio, un indicador que no ano 2018 foi positivo en 12.391 persoas.
Os datos do IGE publicados este venres indican que Galicia rexistrou en 2018 saldo migratorio positivo por terceiro ano consecutivo, cun incremento do 85 por cento en comparación co saldo migratorio do ano 2017, que foi de 6.683 persoas.
Ademais, é o maior saldo migratorio positivo que rexistra Galicia desde o ano 2008. Este aumento é debido ao forte incremento da entrada de novos residentes en Galicia procedentes doutras comunidades autónomas ou do estranxeiro, que aumentou un 16 por cento sobre as cifras de 2017, mentres que os cambios de residencia desde Galicia ao exterior mantivéronse estables, posto que o aumento respecto ao ano anterior foi do 0,4 por cento.
En total, no ano 2018 pasaron a residir en Galicia 24.183 persoas do estranxeiro e 18.574 persoas doutras comunidades autónomas, mentres que cambiaron a súa residencia 11.168 persoas ao estranxeiro e 19.198 persoas a outras comunidades autónomas.
Respecto á distribución provincial, as cifras do IGE indican que as catro provincias galegas rexistraron saldo migratorio positivo no ano 2018. A diferenza entre entradas e saídas foi positiva tanto nas provincias atlánticas -6.155 habitantes na Coruña e 3.319 persoas en Pontevedra- como nas provincias orientais: 1.708 persoas en Ourense e 1.209 habitantes na provincia de Lugo.