CRTVG

Buscar

Galicia gaña 770 habitantes en 2019, o primeiro aumento de poboación nunha década

Publicado o 21/04/2020 22:05
Galicia gaña 770 habitantes en 2019, o primeiro aumento de poboación nunha década

Non é un crecemento moi grande, é de 770 persoas, pero conséguese así romper a tendencia á baixa dos últimos anos. Deste xeito, superamos os dous millóns setecentos mil habitantes. Os datos avánzaos o Instituto Nacional de Estatística. O organismo indica tamén que Galicia é a comunidade onde máis se incrementou o número de estranxeiros no último ano, un 11 por cento. Aínda así, o peso da poboación foránea en Galicia é a segunda máis baixa do Estado. A poboación de Galicia volver superar os 2,7 millóns de persoas

As principais nacionalidades inscritas son Portugal (14.739), Venezuela (12.622), O Brasil (9.367), Colombia (8.242) e Romanía (8.057 habitantes). Aínda así, o peso da poboación estranxeira en Galicia é o segundo máis baixo de toda España, pois supón o 4,1%, só por encima do caso de Estremadura (o 3,2%). A media española é do 11,4%.  

A este respecto, o Goberno galego destaca nun comunicado que este incremento "indica que cada vez máis persoas deciden vir vivir a Galicia desde outros países", xa sexa "porque retornan a Galicia ou ben porque deciden instalarse por primeira vez na comunidade".

Este padrón continuo tamén mostra que entre os 313 municipios galegos, hai 36 concellos de menos de 1.000 habitantes. Os que teñen entre 1.000 e 10.000 habitantes son a maioría, 221. No tramo de 10.000 a 50.000 persoas figuran 49. Os de máis de 50.000 son sete municipios.  

De tal forma, a maior parte da poboación, o 34%, vive nos municipios de 10.000 a 50.000 habitantes. O 24,1% dos habitantes están no tres cidades de máis de 100.000 habitantes (Vigo, A Coruña e Ourense).

Noticias web

21/04/2020