CRTVG

Buscar

Telexornal Serán

'Galicia Friendly' forma en idiomas profesionais de 300 empresas hostaleiras galegas

Publicado o 14/09/2017 21:39


Para mellorar a capacitación dos profesionais do sector turístico que están cara ao público, estréase un proxecto que promocionará e formará en idiomas profesionais de 300 empresas de hostalería. É o 'Galicia Friendly'.


O que entendemos por 'riquiño', é o que entenden por 'friendly'. Pero ser amigable, friendly ou riquiño, ás veces non chega para entender nin para facernos entender.

"Non hai tanto que tratando cuns turistas estranxeiros, tiven que explicarlles como pagar, que debían ir á caixa... E atopeime con que non sabía se se dicía en inglés 'box' como o outro tipo de caixa, así que acabeilles dicindo 'caja'. O resultado foi que creo que non entenderon nada e marcharon sen pagar. Eu son o dono dun establecemento de doces... Terei que ir aprendendo polo menos como se di cada un en inglés", explica Carlos Moure, dono dun establecemento de doces.

"Eu traballo nun local de copas... E hai que recoñecer que todos nos enfrontamos a situacións de complicacións co idioma. Como cando por exemplo de menú tes polo e como non che sae en inglés acabas facendo os xestos da galiña... E pasas moita vergonza, por iso hai que superarse, formarse en idiomas", di Suelen Nunes, traballadora dun local de hostaleria nocturna.

"Como cando no noso restaurante, que está no medio do Camiño Francés, nos entran estranxeiros e aínda que sabemos a carta en inglés, é moito máis complicado explicarlle con detalle os produtos galegos que lles podemos ofrecer, e pasamos apuro... Ando niso de aprender a dicir caldo galego e polbo galego en inglés", bromea Alberto Blanco Ridriguez, segunda xeración de hostaleiros dun restaurante no Camiño de Santiago.

"Eu por exemplo non son da xeración que estudou inglés... E aínda que non teño o restaurante no centro, a verdade é que hoxe en día, coas redes sociais, nos chega moito cliente estranxeiro. Por iso quero mellorar o idioma porque hai que ser amigable, xa que eles veñen de turistas a visitaros, nós debemos saber corresponderlles polo menos facendo que nos entendan", explica Mari Patiño, responsable dun restaurante.

"Eu son xerente dun hotel no Camiño Inglés. Cada vez chegan máis estranxeiros. Hai que ser realista, o inglés é o idioma co que máis turistas estranxeiros nos poden entender, así que hai que perfeccionalo. Ter un profesor amais que nos aprenda non o idioma en si, senón o inglés adaptado e específico da hostalería, é moito mellor", explica Fernando Lombardía, responsable dun hote no Camiño Inglés.

Todas e todos eles, son só parte dos profesionais de 300 empresas de hostalería de toda Galicia, que estas semanas, recibirán, nas capitais de todas as provincias galegas, doce horas de formación específica para que quen atende a turistas estranxeiros, domine inglés polo menos para recibilos, despedilos, cobrarlles e explicarlles atractivos, servizos e produtos que Galicia lles pode ofrecer. Amais obterán selo distintivo para o local e aparecerán nas guías turísticas que se distrubúan internacionalmente deste novo proxecto: 'Galicia Friendly

"
"O que intentamos é que sexa real iso da Galicia amigable, mediante formación.... Nas feira de turismo internacional, de Berlín, Londres.. O que detectamos é que se require que os profesionais do turismo en toda Europa, saiban atender en distintos idiomas, sobre todo o inglés, de aí este proxecto", explica Héctor Cañete, vicepresidente do Clúster de Turismo de Galicia.


"Esta primeira edición do proxecto formativo e promocional, finánciaa a Axencia de Turismo de Galicia e impúlsa oa Clúster do Turismo de Galicia. Era unha demanda das asociación galegas provincias de hostalería", explica Alejandro Casanova Jerez, responsable do programa formativo e promocional 'Galicia Friendly".
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Telexornal Serán

14/09/2017