CRTVG

Buscar

Galicia foi a segunda comunidade onde máis medrou o turismo no segundo trimestre

Publicado o 11/07/2019 20:09

Entre abril e xuño en Galicia os ingresos por cuarto subiron un 8 por cento, é a cifra máis alta de toda España. Son datos, de Exceltur, a patronal do turismo, A nosa foi a segunda comunidade onde máis medrou o turismo, impulsado, sobre todo, pola chegada de turistas estranxeiros. "Galicia é, despois de Cantabria, a que máis creceu en termos de ingresos. Ademais produciuse fundamentalmente nos destinos icónicos de Galicia: Santiago, A Coruña, Vigo e na costa, impulsado, sobre todo, pola demanda estranxeira. Eu creo que estar na véspera dun ano Xacobeo está axudando", asegura Óscar Perelli Director de estudos de Exceltur.

E se falamos de previsión. Galicia é dos lugares de España que presenta mellores perspectivas turisticas para o verán "Barcelona, Madrid e Valencia, dentro das grandes cidades, xunto aos destinos do interior (Castelas e Navarra), o litoral catalán, Asturias e Galicia presentan as mellores perspectivas de resultados para o verán de 2019", estima José Luis Zoreda Vicepresidente executivo de Exceltur.

A cruz da previsión para este verán é para as Canarias e as Baleares. Exceltur prognostica caídas nestes dous destinos porque diminúe a demanda estranxeira. E é que a actividade turística de España está en desaceleración. Esta ralentización é, segundo Exceltur, porque Turquía e Exipto, destinos competidores de España, estanse recuperando.

Así as cousas, Exceltur prevé que o PIB turísitco aumente o 1,6 por cento en 2019, situándoo, por segundo ano consecutivo, por debaixo do crecemento da economía española.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

11/07/2019