CRTVG

Buscar

Telexornal Serán

Galicia foi a comunidade en que máis medrou a facturación no sector servizos

Publicado o 21/02/2017 21:25




Galicia foi a comunidade autónoma en que máis se incrementou o volume de negocio do sector servizos en 2016. Medrou case un 9% respecto ao ano anterior. Con todo a creación de emprego no sector quedou lixeiramente por debaixo da media española.

O sector servizos tira con forza da economía de Galicia. Rematou o ano pasado cun incremento da facturación do 8,8%, máis do dobre da media española. Foi a comunidade con mellor comportamento no sector terciario seguido de Baleares e A Rioxa. Os comerciantes notaron o incremento de vendas pero móstranse cautos sobre o futuro.

"Eu creo que si estamos nunha situación na que podemos dicir que deixamos de caer xa me dou por satisfeito. De aí a pasar a falar dunha recuperación entendendo por recuperación o que esto supón, eu creo que hai que vestirse co traxe da prudencia. Hai moitos altos e baixos, hai moitos picos, non se mantén a regularidade", explica o voceiro dunha asociación de comerciantes.

O aumento da facturación notouse na creación de emprego. En Galicia a contratación medrou un 2,1%, por debaixo da media española que foi dun 2,4%.

"O sector servizos é onde tradicionalmente se crea emprego de escasa calidade, temporal e precario. As horas traballadas non varían e os salarios tampouco. Polo tanto estamos ante creación de emprego de baixa calidade e de curta duración que desaparece no tempo", din en CCOO.

Apuntan que ademáis en Galicia o emprego no sector aumenta sobre todo na hostalería e no comercio e non noutros servizos que achegan maior valor engadido.
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Telexornal Serán

21/02/2017