CRTVG

Buscar

Galicia establece un retorno ás aulas graduado por niveis educativos a partir do día 10

Publicado o 31/08/2020 19:09

• As familias deberán tomar a temperatura dos alumnos antes de chegaren ao colexio | Os estudantes terán que levar dúas máscaras

• Deberá asegurarse a separación interpersoal de 1,5 metros

Convocan folga no ensino público no arranque do curso escolar

 

A comunidade autónoma galega decidiu finalmente reformular o inicio do curso este ano. O calendario mantén o arranque da actividade a partir do 10 de setembro, pero a incorporación do alumnado será gradual, por niveis, ao longo de diversos días, nunha medida similar á que se adoptou noutros territorios, como Euskadi ou a Comunidade de Madrid.

Deste xeito, o mesmo 10 de setembro volverán aos centros os alumnos de 4º e 5º de infantil; 1º, 2º e 3º de primaria, e educación especial. O día seguinte será a quenda de 6º de infantil e de 4º, 5º e 6º de primaria. O 16 de setembro acudirán á clase os estudantes de 1º e 2º de secundaria, 1º de bacharelato e 1º de FP Media e Superior; o 17 farano en 3º de ESO, 2º de Bacharelato e 2º de FP Media e Superior. A incorporación completarase o 18 con 4º de ESO e FP Básica.

 “A finalidade desta medida é comezar gradualmente para que os máis pequenos se vaian afacendo ás normas, pero non se está modificando o calendario escolar”, detallou nunha conferencia de prensa o secretario xeral técnico da Consellería de Educación, Jesús Oitavén.

Deste xeito, o protocolo presentado este luns, que inclúe as modificacións derivadas das conclusións do Consello Interterritorial, é o definitivo “salvo que cambiase moito a situación epidemiolóxica”, e nese caso hai mecanismos para actualizalo.

Os alumnos deberá levar dúas máscaras

Os alumnos deberán levar, ademais dunha máscara de uso obrigatorio, unha segunda que poidan utilizar en caso necesario e mais un estoxo para gardala cando non se utilice, como podería suceder no comedor durante o consumo de alimentos.

Aínda que a Consellería de Educación repartirá ata 400.000 máscaras entre os centros, os alumnos están obrigados a levar as súas propias, de tal modo que aquelas se facilitarán só cando fose necesario.

Metro e medio de separación dende o centro da cadeira

Con respecto aos espazos, o protocolo establece que se debe garantir unha distancia de 1,5 metros “medidos desde o centro da cadeira”. Para iso, pódese retirar o mobiliario das aulas ou habilitar espazos adicionais; de non ser viable, sería posible desdobrar o grupo existente.

As medidas de limpeza establecen tamén a necesidade de desinfectar os aseos dúas veces ao día e o centro polo menos unha vez ao día, con especial atención a pomos de portas ou pasamáns de escaleiras.

O protocolo inclúe entre as súas obrigas a asignación de asentos fixos no transporte escolar e o mantemento dunha distancia de 1,5 metros tamén nos comedores escolares, onde se poden establecer quendas para así reducir a ocupación.

A Consellería de Educación tamén encargou a cada centro a elaboración dun Plan de Adaptación á COVID-19 e un plan de continxencia con medidas en caso de suspensión da actividade lectiva presencial.

Do mesmo xeito, cada centro designará un "equipo covid" que recibirá formación a partir do próximo venres 4; mentres, a cada centro educativo asignaráselle un centro de saúde de referencia onde se recibirá atención persoal e individualizada ante calquera dúbida ou incidencia.

As familias serán as responsables de tomar a temperatura cada día

As familias serán as responsables de tomar a temperatura aos alumnos antes de acudiren ao centro. No caso de detectaren febre alta ou outros síntomas propios da COVID-19, terán que poñerse en contacto co persoal sanitario e non poderán levar o alumno ao centro escolar.

En caso de detectarse algún gromo, o director xeral de Asistencia Sanitaria da Consellería de Sanidade, Jorge Aboal, apuntou que, tendo en conta que “cada gromo é un mundo diferente”, serán as autoridades sanitarias as que definan en cada momento as medidas de illamento e corentena atendendo á especificidade de cada caso.