CRTVG

Buscar

Galicia entra na fase 2, en que se agarda unha maior recuperación da actividade

Publicado o 25/05/2020 07:16

• Menos medidas restritivas camiño da nova normalidade, con reaperturas parciais en hostalería, centros comerciais e cines, visitas en residencias e baño na praia

As catro provincias galegas entran na fase 2 do plan de desescalada do Goberno a partir deste luns, o cal significa que as medidas restritivas son cada vez menores e a cidadanía camiña cara á nova normalidade paulatinamiente con máis liberdades.

Un dos principais pasos que dá Galicia cara a este novo escenario ten que ver coas residencias de maiores. Aínda que a intención da Xunta era reabrir o seu réxime de visitas xa a semana pasada, non será ata este luns cando sexa posible, aínda que só aquelas que leven 15 días sen ningún caso de COVID-19, se están situadas en municipios con baixo índice de contaxios e se contan cun informe favorable da área sanitaria.  

No referente aos paseos, que xa serán sen horarios en toda Galicia, a orde publicada este sábado no BOE recolle que en fase 2 estes poderán realizarse en grupos de ata 15 persoas. Ademais, os menores de 14 anos poderán saír acompañados de dous adultos en lugar de un, tal e como estaba establecido ata agora.

A fase 2 reforza a mobilidade dos cidadáns e reduce as restricións na reapertura de numerosas instalacións e servizos, aínda que mantén algunhas.

As medidas da fase 2 afectan a toda a poboación, con excepción das persoas que presenten síntomas, estean en illamento domiciliario ou corentena por un diagnóstico por COVID-19 ou sen contacto estreito. As persoas vulnerables poderán facer uso das novas condicións sempre que a súa condición clínica estea controlada e baixo rigorosas medidas de protección.

 

• Medidas sociais

- Pódese circular pola provincia en grupos máximos de 15 persoas. Non hai límite de integrantes do grupo se as persoas son conviventes.

- Mantéñense as medidas de seguridade e hixiene establecidas, como a distancia mínima de seguridade de dous metros.

- As persoas de ata 70 anos poden realizar actividade física non profesional en calquera franxa horaria excepto entre as 10.00 e 12.00 horas e entre as 19.00 e 20.00 horas.

- Os velorios poderán realizarse cun límite máximo de 25 persoas en espazos ao aire libre ou 15 persoas en espazos pechados. A comitiva para a despedida da persoa falecida restrínxese a un máximo de 25 persoas.

- Permitirase a asistencia a lugares de culto sempre que non se supere un 50 % da súa capacidade.

- As vodas poden realizarse en todo tipo de instalacións, públicas ou privadas, sempre que non se supere o 50 % da capacidade do local. Poderán asistir un máximo de 100 persoas en espazos ao aire libre ou de 50 persoas en espazos pechados.

 

• Medidas laborais

- Sempre que sexa posible, fomentarase a continuidade do teletraballo. Para os que vaian aos seus centros, deberanse adoptar as medidas necesarias para cumprir as medidas de hixiene e/ou prevención para os traballadores.

- Garantir dispoñibilidade de xeles hidroalcohólicos, substituír a pegada na fichaxe por outro sistema ou desinfectar o dispositivo e, cando non poida garantirse a distancia de seguridade interpersoal, asegurar equipos de protección adecuados ao nivel de risco.

- Se hai síntomas, colocar a máscara e contactar co teléfono habilitado ou centro de saúde; o traballador deberá abandonar o seu posto de traballo ata que a súa situación médica sexa avaliada por un profesional sanitario.

- Axustes horarios en entradas e saídas para evitar concentracións.

 

• Medidas de hixiene dos establecementos

- Limpeza e desinfección das instalacións polo menos dúas veces ao día e dos postos de traballo tras cambio de quenda.

- A distancia entre vendedor e cliente será de polo menos un metro cando se conte con elementos de protección ou barreira, ou de dous metros sen estes elementos.

- No caso de servizos que non permitan o mantemento da distancia, como barberías, centros de estética ou fisioterapia, deberase utilizar o equipo de protección adecuado ao nivel de risco.

- Probadores ocupados por unha persoa e desinfección tras o seu uso.

 

• Comercio e prestación de servizos

 - Apertura de locais con independencia da súa superficie, cos requisitos seguintes: 40 % da capacidade total nos locais comerciais, en cada unha das súas plantas; distancia mínima de dous metros entre clientes e horario de atención prioritario para maiores de 65 anos.

- Poden reabrir os parques ou centros comerciais, con capacidade do 30 % nas zonas comúns e do 40 % nos locais individuais. Non se poden empregar as zonas recreativas.

- Poderá haber rebaixas, sempre que se respecten as medidas de seguridade e hixiene e se eviten aglomeracións. Deberán cesar de inmediato as accións comerciais ou de promoción se resultase necesario.

 

• Educación

- En Galicia, a partir deste luns permítese o regreso ás aulas de forma voluntaria a alumnos de 2º de Bacharelato e FP, e está pendente que pasará coas garderías de cero a tres anos.

- Tamén se permite aos titulares a apertura de academias e autoescolas, con límite da súa capacidade a un terzo e prioridade para a formación en liña.

 

• Hostalería e restauración

- Permítese o consumo no local en mesa sen superar o 40 % da capacidade, que as comunidades autónomas poden modificar entre os topes do 30 % e o 50 %. Segundo explicou este domingo o presidente da Xunta, a proposta do seu goberno, a falta de facela definitiva, é que na primeira semana poidan cubrir o 40 % da súa capacidade e na segunda o 50 por cento.

- Terrazas ao aire libre co 50 % das mesas, cunha ocupación máxima de 10 persoas por mesa ou agrupación de mesas.

- Non se permite a apertura de discotecas nin bares de lecer nocturno.

- Limpeza e desinfección entre un cliente e outro,  mantelerías dun uso e dispensadores de xeles.

- Fomentarase o pagamento con tarxeta e evitarase o uso de cartas de menú.

 

• Servizos sociais

- As comunidades e cidades autónomas poderán permitir no seu ámbito territorial a realización de visitas aos residentes de vivendas tuteladas, centros residenciais de persoas con discapacidade e centros residenciais de persoas maiores.

- Deberase concertar previamente a visita coa vivenda tutelada ou o centro residencial.

 

• Actividades culturais

- Na páxina de lecer, a entrada na fase 2 de toda Galicia posibilitará a reapertura de locais e establecementos destinados a actos e espectáculos culturais, como cinemas, teatros ou monumentos.

- Todos os cinemas, teatros, auditorios e espazos similares poden renovar a actividade sempre que conten con butacas preasignadas e non superen un terzo da capacidade autorizada.

- Nas bibliotecas, poderá levarse a cabo actividades de consulta en sala, sempre que non se supere un terzo da capacidade autorizada, e usarse ordenadores. Permítese o préstamo interbibliotecario. Salas infantís e coleccións de libre acceso seguen pechadas. Poden abrir ao público as salas de exposicións sempre que non se supere un terzo da capacidade autorizada.

- Poden reabrir os monumentos e outros equipamentos culturais sempre que as visitas non superen un terzo da capacidade autorizada.

 

• Actividades deportivas

- Os deportistas integrados en clubs participantes en ligas non profesionais poden realizar adestramento básico de maneira individual.

- Os clubs deportivos profesionais ou sociedades anónimas deportivas poden desenvolver adestramentos de carácter total dirixidos á fase previa da competición, incluídas accións en grupo de ata un máximo de 14 persoas.

- Permítese a continuación da competición das ligas profesionais, sen público e a porta pechada. Permítese a entrada de medios de comunicación para a retransmisión da competición. O Consello Superior de Deportes, antes do inicio da competición, determinará o número de persoas que poderán acceder aos estadios e pavillóns.

- Regúlase a apertura de instalacións deportivas cubertas e piscinas deportivas.

 

• Hoteis e establecementos turísticos

- Poden reabrir as zonas comúns de hoteis e establecementos turísticos, ata cubrir un terzo da capacidade que determine o establecemento.

- As actividades de animación ou clases grupais deben organizarse cunha capacidade máxima de 20 persoas.

- Poden reabrirse as piscinas e spas do establecemento, con limitacións.

 

• Piscinas e praias

- Pódense abrir ao público as piscinas recreativas co máximo dun 30% da capacidade da instalación. Se non se pode manter a distancia de seguridade entre usuarios reducirase a capacidade.

- Para acceder á piscina é necesario concertar cita previa coa entidade xestora da instalación.

- Deberanse limpar e desinfectar os equipos e materiais habituais como vaso, corcheiras, material auxiliar de clases, reixa perimetral, caixa de primeiros auxilios, despachos de billetes e calquera outro espazo en contacto cos usuarios.

- A limpeza e desinfección de superficies en contacto frecuente coas mans dos usuarios, como  pomos das portas dos vestiarios, ou varandas, realizarase polo menos tres veces ao día.

- Débese establecer unha distribución espacial de usuarios para garantir a distancia de seguridade mediante sinais no chan que limiten os espazos. Os obxectos persoais, como toallas, deben permanecer dentro do perímetro de seguridade.

- Non se poden usar as duchas dos vestiarios nin as fontes de auga.

- Pódese acceder ás praias da mesma provincia. Os concellos poderán establecer limitacións de acceso, que en todo caso será gratuíto, e de capacidade para asegurar que se respecta a distancia interpersoal de, polo menos, dous metros entre bañistas.

- Pódense usar duchas, aseos e vestiarios, limitada a ocupación a unha persoa, salvo que precise de asistencia.

- Os obxectos persoais como toallas, hamacas e elementos similares dispoñeranse de modo que se garanta un perímetro de seguridade de dous metros con respecto a outros usuarios, salvo no caso de bañistas conviventes ou cando non se superen as 15 persoas.

- Na praia está permitida a práctica de actividades deportivas, profesionais ou de recreo, sempre que se poidan desenvolver individualmente e sen contacto físico, cunha distancia mínima de dous metros entre os participantes.