CRTVG

Buscar

A borrasca Helena, sobre Galicia: alerta vermella no mar e neve por riba dos 600 m

Publicado o 01/02/2019 10:34

Helena está sobre Galicia. Unha borrasca moi potente e moi próxima ás nosas costas deixará hoxe alerta vermella no mar, con ondas de ata 8 metros. Pero non só iso: haberá vento forte en practicamente toda a comunidade e precipitacións moi abundantes que, coa baixada brusca das temperaturas, van ser de neve por riba dos 600 metros de altitude. 

Barcos no porto, paraugas en man e ríos en alerta, a piques de desbordarse. Nas zonas de montaña de Ourense e Lugo suspéndese hoxe a actividade lectiva por mor dun aviso neve. Haberá acumulacións importantes, por riba dos 600 metros. Hai moitos ríos en prealerta hidrolóxica por risco de desbordamento. Iso foi o que pasou onte no río Labrada, en Vilalba, un exemplo do que podería ocorrer hoxe en moitos lugares do interior de Galicia.

"Hai moitas zonas anegadas, prados e todo. E os ríos están totalmente desbordados".

As estradas amenceron perigosas, por caída de pólas, por bolsas, de auga, e tamén por risco de desprendementos. Unha situación que hoxe traerá aínda máis riscos porque se prevé vento moi forte en practicamente todo o interior de Galicia. A chuvia deixa marcas: acumulación de 171 litros en 48 horas en Cotobade ou de 125 en Boiro. Chuvia que anegou garaxes e causou saídas de vía.

"A verdade é que vai un tempo horrible. Está chovendo todo o que non choveu en xaneiro".

E no mar, a borrasca Helena, vai deixar a súa peor cara. O vento vira de oeste a noroeste con forza 9, e deixará ondas de ata 8 metros que marcan unha alerta vermella no litoral atlántico.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

01/02/2019