CRTVG

Buscar

Galicia emitirá 500 millóns en bonos verdes para fins ambientais e sociais

Publicado o 17/09/2020 15:35

• Feijóo releva as cúpulas de Sanidade e Política Social e cambia os cincos delegados territoriais

O presidente da Xunta Alberto Núñez Feijóo anunciou tras o consello da Xunta que Galicia emitirá bonos verdes, e será desa maneira a segunda comunidade de réxime común en facelo.

Estes bonos, por un importe de 500 millóns de euros, estarán integramente orientados a investimentos medioambientais e sociais, isto é, usaranse para facer proxectos relacionais coas enerxías renovables, o transporte limpo, a xestión da auga ou a mellora de acceso a servizos esencias.

Feijóo aclara que esta decisión non implica un incremento da cifra neta de endebedamento e reivindica a xestión da Xunta da débeda autonómica.

Valoración sobre a pandemia

O presidente da Xunta Alberto Núñez Feijóo incidiu tras o Consello da Xunta na evolución positiva da pandemia na nosa comunidade en comparación con España."Galicia ten en total menos casos activos dos que se detectan diariamente en España", explicou Feijóo.

O xefe do executivo galego fixo fincapé nos casos rexistrados nestes últimos 14 días por cada 100.000 habitantes (parámentro coñecido como "incidencia acumulada"), indicando que "Galicia é a segunda comunidade con menor incidencia" despois de Asturias.

Protocolos para residencias e centros de día

Anuncia que hoxe pola tarde se publicarán os protocolos de visitas en residencias e de centros de día que viñan anunciando dende a Consellería de Sanidade a semana pasada.

Dende a Xunta consideran que a situación permite abrir os centros de día e as visitas a residencias, de acordo ao protocolo, mesmo nos municipios con restricións.

Reconfiguración dos altos cargos da Xunta

A vicepresidencia primeira asume as competencias da axencia de turismo de Galicia e a secretaría xeral de Igualdade pasa á Consellería de Emprego e Igualdade e Facenda asume a Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa.

Créase baixo esta última a Dirección Xeral de Relacións Laborais para "reforzar o diálogo social" e "reforar a nosa relació nos ámbitos de reactivación económica e de emprego".

Tamén se crea a Dirección Xeral de Atención Integral Sociosanitaria na Consellería de Política Social, "para afrontar os retos presentes e futuros dos servizos sociais", "perfeccionar os mecanismos de coordinación de atención sanitaria nos centros de maiores e persoas con discapacidade e de repensar o modelo das residencias da terceira idade", explicou Feijóo.

Un dos aspectos máis relevantes foi o cambio en todas as delegacións territoriais que agora pasan a estar ocupadas por Gonzalo Trenor (A Coruña), Gabriel Alén (Ourense), Luisa Piñeiro (Pontevedra), Javier Arias (Lugo) e Marta Fernández-Tapias (Vigo).

Impulso demografía, ordenación e pesca continental

 

O curso parlamentario comezará coa tramitación de tres leis que quedaran en suspenso pola convocatoria de eleccións.

Unha delas é a de impulso demográfico, con medidas para apoiar a natalidade, a conciliación ou incentivos ao retorno dos galegos no exterior. Todas as actuacións do texto prevén un investimento anual de 800 millóns de euros.

As outras dúas leis son a de ordenación do territorio, que pretende axilizar os trámites da planificación urbanística; e a lei de pesca continental, que busca garantir a remuda xeracional e facer da pesca sustentable un incentivo turístico e económico no rural.

 

Deporte de Alto Nivel

Feijóo anunciou tamén unha "nova e completa regulación do deporte de alto nivel". Algunhas novidades: regúlase o rendemento deportivo de base; amplíase a concepción dos deportistas de alto nivel aos adestradores, preparadores, xuíces e árbitros; establécese un catálogo de dereitos e obrigas; créase a Oficina de atención ao deportista e refórzase o Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra, entre outras.