CRTVG

Buscar

Galicia é unha das tres comunidades que aínda non rexistraron casos de coronavirus

Publicado o 03/03/2020 10:05

Aumentan os casos de contaxio por coronavirus en España, pero hai tres comunidades autónomas que, a esta hora, non rexistran ningún infectado. Son Aragón, Murcia e Galicia.

Galicia segue sen casos rexistrados. Pero a Consellería de Sanidade quere anticiparse a un posible contaxio. Hoxe reuniu a comisión interdepartamental para coordinar actuacións. Tamén reforza persoal e equipamento de urxencia nos hospitais galegos.

Coordinada permanentemente co Ministerio de Sanidade e co resto das comunidades, Galicia traballa no seu plan de continxencia. Como medida preventiva, o Consello da Xunta aprobará o xoves a compra de equipamento para urxencias: respiradores e material de radioloxía. Tamén se reforza persoal. Sesenta persoas ata agora, tanto nos equipos que recollen mostras nos domicilios coma nos servizos hospitalarios de microbioloxía, onde se analizan esas mostras. E no 061, o primeiro paso, insisten, ante calquera síntoma.

E ante calquera dúbida, outro teléfono, o 902 400 116. Desde o xoves, en que se puxo en funcionamento, xa recibiu máis de seiscentas chamadas de solicitude de información.

Xa se superan os 120 en España

Un sanitario que traballa no hospital de Vitoria, pero reside na Rioxa, converteuse no primeiro caso de coronavirus nesta comunidade.

Os novos pacientes contaxiados nas últimas horas fixeron superar a barreira dos 120 casos en toda España. Madrid deu o maior numero de positivos, e seguen investigando se hai relación directa entre os membros contaxiados dun grupo relixioso evanxelista en Torrexón de Ardoz e Leganés.

Con todo, son os contaxios de orixe descoñecida os que poderían levar o Goberno a elevar o nivel de alerta en zonas concretas de Madrid e do País Vasco. Unha decisión que non é doada de tomar.

"Se pasamos a un escenario maior en zonas concretas, as medidas que se implementen terán un impacto importante que non será fácil asumir nin polo sistema sanitario nin pola nosa estrutura económica", di Fernando Simón, director do CCAES

Todos os enfermos están illados. Moitos en hospitais, outros estanse tratando a domicilio, coma se dunha gripe se tratase. Sanidade pide que as persoas con síntomas de doenzas respiratorias non acudan a eventos masivos.

"Coa gripe lévase moitos anos falando desta medida. Non o conseguimos. A ver se agora co coronavirus, sí. A norma xeral é que a poboación adopte as medidas básicas de hixiene.", recomenda Simón.

Noticias web

03/03/2020