CRTVG

Buscar

Galicia é pioneira en condenar o maltrato animal

Publicado o 08/12/2019 14:35

En España, non existe unha lei marco de protección animal a nivel estatal. Mentres que en Andalucía, Cantabria, Cataluña, Estremadura e as Ilas Baleares prohíbese a venda de animais en escaparates en tendas, non sucede así en Galicia. E mentres aquí están prohibidos os circos con animais, noutras autonomías si que se permiten. Con todo, a sociedade avanza máis rápido que as leis e empézanse a reclamar este tipo de cuestións. Moi aplaudida foi a recente modificación do Código Penal no seu artigo 337 que recolle os casos nos que o maltrato animal é considerado delito.

Octavio Villazala, xerente do centro canino Montegatto: "Faltaría poñelo en práctica. Ceñíndonos á lei, pois calquera tipo de maltrato sería penado con cárcere, por suposto sempre estarían os agravantes ou os atenuantes, dependendo de se esa persoa ten antecedentes ou non. E nós somos pioneiros, non soamente na península ibérica, porque tamén Portugal, senón que especialmente tamén a Xunta de Galicia, hai que decilo, fai unha lei avanzada, porque o pobo a reclama. Un can, hoxe, xa non pode estar encadeado todo o día... A min gustaríame que realmente tiveramos unha lei que abarcara todo o Estado español. É un problema cultural moi serio e é un problema de educación".

Villazala insiste en que aínda queda moito por avanzar, sobre todo no ámbito do benestar animal, especialmente en matadoiros e granxas e na aplicación das propias leis, para que existan condenas reais. Aínda así recorda que non hai nada máis disuasorio para este tipo de comportamentos que a educación.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

08/12/2019