CRTVG

Buscar

Galicia e Colombia buscan negocios conxuntos na pesca, as renovables ou o naval

Publicado o 18/09/2021 20:24

Iván Duque rematou hoxe en Santiago a súa viaxe oficial a España e convidou a Alberto Núñez Feijóo a devolverlle a visita. Feijóo aceptou a invitación para seguir reforzando as relacións comerciais entre Galicia e Colombia.

Ademais de varios dos seus ministros, con Iván Duque viaxan empresarios colombianos que compartiron un xantar de traballo con directivos galegos aos que Duque convida a investir no seu país nos parques eólicos que están facendo, na industria forestal que están impulsando, en tecnoloxías da saúde ou nos sectores naval e pesqueiro.

Antes dese xantar, ambos os dous mandatarios reuníronse no Pazo de Raxoi para analizar as oportunidades de negocio a un lado e outro do Atlántico. España é o segundo país investidor en Colombia e 465 empresas galegas xa exportan a ese país. Alberto Núñez Feijóo díxolle que a Xunta quere chegar en 2025 ás 8.000 empresas exportadoras e que Colombia ocupa un lugar prioritario nese obxectivo.

Duque é o primeiro presidente que visita Santiago neste ano santo. Entre reunións de traballo asistiu á misa do peregrino xunto co líder opositor venezolano Leopoldo López, que tamén estivo no encontro con empresarios.

Noticias web

18/09/2021