CRTVG

Buscar

Galicia é a segunda comunidade co índice de centenarios máis elevado

Publicado o 29/06/2017 20:30

Castela e León está á cabeza. Máis de 1.600 persoas en Galicia, case todas mulleres, superan a barreira dos cen anos

Galicia é a segunda comunidade autónoma despois de Castela e León co índice de centenarios máis elevado de España. Segundo datos do INE, máis de 1.600 persoas en Galicia, case todas mulleres, superan a barreira dos cen anos. A xenética, a mellora da calidade de vida ou os avances na medicina son algúns dos factores que explican este aumento da lonxevidade.

1.607. Esa é a cifra que marca a diferenza entre Galicia e o resto de España. É o número de persoas que superan os cen anos. E o 76 por cento son mulleres. O seu número cuadriplicouse nos últimos 15 anos.  "Na infancia son os que sobreviviron á epidemia de gripe e logo na mocidade sobreviviron á Guerra civil. Esas xeracións logo sometidas a unha sanidade moderna, xa en condicións, fai que cheguen a unhas idades que ata agora non era tan frecuente chegar. Ou sexa, que é unha xeración moi endurecida con boas condicións de vida."

Os avances na tecnoloxía, a actividade física, a xenética, a dieta, o optimismo e mesmo a espiritualidade son factores, din os expertos, que tamén inflúen nestes índices tan altos de lonxevidade. Case o dez por cento dos centenarios que hai en España son galegos. 

"Está empezando a entrar na barreira dos 65 anos o "baby boom". Ao haber máis xente maior, non só polos avances na medicina e na saúde en global, vai haber máis xente que probabilisticamente acade idades máis lonxevas".

Ourense e Soria son as provincias españolas con maior índice de centenarios.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

29/06/2017