CRTVG

Buscar

Telexornal Serán

Galicia é a segunda comunidade autónoma en número de tractores

Publicado o 03/10/2017 21:21

Galicia é a segunda comunidade autónoma con maior cantidade de tractores. O número de vehículos agrícolas supera os 162.000 e só en Andalucía hai máis rexistrados. O minifundio, a falta de usos en común e o peche de explotacións sen venda dos seus activos son as causas desta alta cantidade de tractores.

162.848. Ese é o número de tractores que hai inscritos no campo galego. Moitos máis ca explotacións agrogandeiras. Supoñen o 14% do total que hai en España e superan en case 20.000 os que traballan en Castela A Mancha, co doble de superficie agraria. Son datos que ofrece o Ministerio de Agricultura e que se explican en boa medida pola fragmentación dos terreos de cultivo, o chamado minifundio. Hai moitas explotacións e de pequeno tamaño pero que adoitan ter dous ou incluso máis tractores.

Outro problema é o envellecemento do parque galego de tractores. Máis do 60% dos vehículos rexistrados superan os 25 anos de antigüidade e o mercado de segunda man está moi activo, cunhas vendas de 4.400 tractores usados o pasado ano. Este envellecemento incide tamén na alta sinistralidade cos vehículos agrarios. No alto de número de tractores en Galicia inflúe tamén o feito de que son moitas as explotacións que pechan pero que non se desfán deles porque os poden precisar en momentos moi puntuais do ano e para tarefas concretas.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Telexornal Serán

03/10/2017