CRTVG

Buscar

Galicia é a primeira produtora de leite en España malia perder o 90% das explotacións nos últimos 30 anos

Publicado o 05/02/2020 15:05

Do debate sobre o campo en Bruxelas está pendente Galicia polo forte peso que ten este sector. Máis de sete millóns e medio de litros diarios converten a nosa comunidade na primeira produtora de leite de España, con máis da metade do total. O sector galego perdeu o 90% das explotacións nos últimos trinta anos, pero conseguiu dobrar a produción e o número de vacas ata converterse na oitava rexión leiteira da Unión Europea.

Esta de Palas de Rei é unha das granxas que soubo adaptarse ao esixente mercado leiteiro. Incremento da produción, novas tecnoloxías e reducir custos foron claves para manter aberta a explotación, na que muxen 240 vacas. En trinta anos, Galicia pasou de 80.000 granxas a pouco máis de 7.000, pero dobrouse a produción de leite e o número de vacas. Con 2,8 millóns de toneladas anuais, os gandeiros galegos xeran o 50% da produción de España. Neste tempo investíronse 1.500 millóns de euros en modernizar as explotacións, o que situou a Galicia como a oitava rexión leiteira de toda a Unión Europea.

"Nesta granxa apostamos por producir máis con menos. Máis comodidade das vacas, aforro enerxético, eficiencia con forraxes e fertilizantes. Tes que calcular cada céntimo que invistes ou gañas, porque eso marca o limiar da rendibilidade ou as perdas".

Os gandeiros marcan como retos de futuro o aumento dos prezos en orixe, a ampliación da base territorial para producir máis forraxes e o desenvolvemento de proxectos industriais que dean máis valor ao leite galego.

Noticias web

05/02/2020