CRTVG

Buscar

Galicia é a comunidade co maior índice de accidentes laborais mortais

Publicado o 30/08/2019 11:35
Galicia é a comunidade co maior índice de accidentes laborais mortais

Galicia foi a comunidade con maior índice de accidentes laborais por cada 100.000 traballadores durante o primeiro semestre de 2019, cunha media mensual de 0,403 por cada 100.000 traballadores, unha cifra que duplica os 0,207 da media estatal.

Galicia foi a terceira comunidade autónoma que rexistrou máis accidentes graves e mortais durante ese mesmo período, cun total de 262, 238 graves -un 6,25 por cento máis ca no mesmo período do ano anterior- e 24 mortais, un 26,5 por cento máis, as cifras máis elevadas despois de Cataluña e Andalucía.

Os accidentes laborais leves tamén viron incrementada a súa incidencia nun 3,6 por cento, pasando dos 13.131 aos 13.616, segundo datos do Ministerio de Traballo, Migracións e Seguridade Social.

Deste xeito, Galicia sumou un total de 13.878 accidentes laborais nos seis primeiros meses do ano -un 3,76 por cento máis-, o que a sitúa como a sexta con peores datos, só por detrás de Andalucía, Cataluña, Comunidade Valenciana, Madrid e País Vasco.

Por sectores, a industria manufactureira rexistrou as peores cifras, con ata 4.028 accidentes laborais, seguida pola construción, con 2.015; o comercio almacenista e a reparación de vehículos de motor, con 1.934; o transporte e o almacenamento, con 1.096, e a agricultura, a gandería, a silvicultura e a pesca, con 1.088.

A estes datos, relativos aos accidentes de traballo en xornada, súmanselle os accidentes de traballo in itinere -aqueles sufridos como consecuencia da actividade laboral-, un total de 1.410 durante os seis primeiros meses do ano, con 1.377 leves, 28 graves e 5 mortais.

Todos os accidentes laborais mortais in itinere tiveron lugar na provincia da Coruña e a súa cifra foi cinco veces superior ao mesmo período do ano anterior, cando só se rexistrou un en toda a comunidade autónoma.

UXT-Galicia denunciou a través dun comunicado "a falta de vontade de administracións e empresarios" para poñer fin á secuela da sinistralidade laboral, "unha importante barreira para o mercado laboral galego".

Entre as medidas propostas polo sindicato atópanse a derrogación das reformas laborais, "que impediron que todos os colectivos teñan o mesmo grao de protección da súa saúde" ou a reversión da reforma do marco xurídico das mutuas, "que só serviu para que estas invadisen competencias dos servizos públicos".

A nivel de investimento, UXT-Galicia insiste en dotar "con suficientes medios económicos e humanos" organismos técnicos como o Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral ou o Instituto Nacional de Seguridade e Hixiene no Traballo.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí