CRTVG

Buscar

Galicia detecta un novo brote da covid-19 con oito positivos na Mariña

Publicado o 25/06/2020 08:26

• Sanidade informa que todos os casos se produciron na contorna dunha familia en Xove | Os contaxiados están leves ou asintomáticos | Hai 25 probas pendentes de resultado | Dan de alta a primeira muller diagnosticada no brote de Ribeira

A Consellería de Sanidade informa que a Plataforma de Vixilancia e Control Epidemiolóxica e os Servizos de Medicina Preventiva e Saúde Pública do Sergas detectaron a aparición dun brote de coronavirus na comarca da Mariña. En concreto, ata o momento, detectáronse oito casos positivos en coronavirus no concello de Xove. Todos eles pertencen ao círculo familiar en que se rexistrou o primeiro caso.

É, pois, un brote familiar de infección por covid-19 que se detectou onte pola tarde no concello de Xove. A partir desta confirmación, fíxose un rastrexo e analizáronse todos os contactos da persoa afectada. Ata o momento, mediante as probas realizadas, confírmase a existencia de oito positivos en covid-19 (incluido o caso inicial), 4 negativos e 25 máis pendentes de resultado.

Desde o momento en que o Sergas detectou o primeiro positivo do foco identificado, na tarde de onte, activouse o protocolo de seguimento e realizáronse as probas PCR a todos os contactos estreitos deste positivo.

Neste momento, dos oito casos positivos, a maioría son asintomáticos, agás dous que presentan sintomatoloxía de carácter leve, mais todos teñen a obriga de gardar corentena durante 14 días. Do mesmo xeito, as persoas cuxas probas deron resultado negativo permanecerán en seguimento no seu domicilio, asesorados pola Plataforma de Vixilancia Epidemiolóxica e os Servizos de Medicina Preventiva e Saúde Pública do Sergas. Ningún afectado tivo que ser hospitalizado.

A Consellería de Sanidade leva rastrexadas ata o momento unhas 40 persoas relacionadas con este brote familiar e séguense a investigar posibles contactos. 

 

Noticias web

25/06/2020