CRTVG

Buscar

Galicia detecta 72 novos contaxios de usuarios de residencias, 47 deles nun centro de Lobeira

Publicado o 23/09/2020 20:57

Na residencia Nosa Señora do Viso, en Lobeira, hai polo momento 46 anciáns contaxiados dos 50 que ten o centro e 14 traballadores que tamén deron positivo. A residencia é da Fundación San Rosendo, que xa puxo en marcha todos os protocolos establecidos para estes casos. Entre outras cousas, trasladou os 4 anciáns que non teñen coronavirus a unhas instalacións anexas para evitar que se contaxien. Esta mañá un equipo médico do Sergas desprazouse ata aquí para analizar a situación. Consideran que está controlada, e por tanto a Xunta non ve necesaria a súa intervención polo momento. 

Foi a principios da semana cando se detectaron os primeiros síntomas entre os usuarios e os traballadores da residencia. Fíxose un cribado entre todo o persoal, e detectáronse os 60 contaxios. Corenta e seis dos 50 residentes deron positivo, e 14 coidadores tamén.

Á espera dunha segunda proba, os catro anciáns que deron negativo foron trasladados á zona de enfermería. E púxose en illamento domiciliario todo o cadro de persoal.

Un equipo médico do Sergas comprobou que se cumpren os protocolos de seguridade e avaliará a evolución do centro. Félix Rubial, Xerente área sanitaria Ourense, Verín, O Barco: "Hai dous pacientes que están xa hospitalizados pola súa situación clínica, pero de momento o resto permanecen na residencia baixo o coidado do persoal do centro e co apoio do persoal do Sergas. Poremos todos os nosos recursos para reforzar as necesidades que poida ter esta residencia neste momento".

Agora mesmo hai casos de coronavirus en 29 residencias de maiores de toda Galicia. Tras o de Lobeira, o outro gromo máis importante dos detectados nas últimas horas descubriuse na residencia Ballesol de Oleiros. Con 32 casos: 30 anciáns e dous traballadores contaxiados.

Noticias web

23/09/2020