CRTVG

Buscar

Galicia despide o Entroido

Publicado o 26/02/2020 21:46

Milleiros de ourensáns percorren as rúas da cidade nunha comitiva fúnebre para despedir o Entroido. Unha mistura de ledicia e tristeza coa que se aproveita ata o último minuto da festa.

O coche fúnebre do enterro da sardiña percorre as principais rúas da cidade acompañado polas carpideiras e amigos do Entroido. O desfile remata na Praza Maior, lugar habitual de incineración da sardiña.

O Entroido acaba na cidade. Pero os que aínda teñan ganas de festa poden ir este sábado á piñata de Celanova e recuncar no domingo de piñata de Xinzo.

Desfile de carpideiras e concurso de ferretes en Lugo

O enterro da sardiña é a celebración máis popular na cidade de Lugo dentro do ciclo do Entroido,  
A procesión co cadaleito partiu do quiosco da Praza Maior, dende onde percorreu varias rúas do recinto histórico para finalizar coa lectura dos tradicionais ferretes. En todo momento, a sardiña foi chorada por múltiples carpideiras. Coincide, ademais, que a entidade organizadora do acto, a asociación cultural Pepe Barreiro, cumpre este ano dúas décadas de historia. 

Enterro da sardiña na Coruña 

Na Coruña, o comitiva do enterro da sardiña comezou o seu percorrido polas rúas do popular barrio de Monte Alto. Tras recoller a imaxe do deus Momo, o cortexo fúnebre, encabezado polas carpideiras, dirixiuse ata a praia de Santo Amaro. Alí prendéuselle lume e botáronse os restos da sardiña e de Momo ás augas do Atlántico. Esta cerimonia,na que non faltou a música, dá o adeus definitivo ao Entroido deste ano.

Despedida do Entroido en Vigo

Chegou o momento da despedida. Nada é eterno e o Entroido tampouco. Para despedirse de Don Carnal, Vigo saíu á rúa para acompañar as exequias fúnebres e solemnes das comparsas. As viúvas reuníronse para chorar e con moitas bágoas despediron o Entroido ata o ano que vén.

Noticias web

26/02/2020