CRTVG

Buscar

Galicia encadea cinco días consecutivos rexistrando máis de mil contaxios diarios

Publicado o 18/01/2021 08:21

Galicia encadea cinco días consecutivos rexistrando máis de mil contaxios diarios. O comité clínico volve reunirse esta tarde para estudar se endurece as restricións, sobre todo nalgunhas áreas sanitarias, para frear esta tendencia ascendente de casos que se prevé que continúe nas próximas semanas. Nas últimas horas notificábanse nove vítimas mortais.

A cifra de contaxios en Galicia segue subindo, e non se prevé un cambio de tendencia a curto prazo. Nas últimas horas sumábanse 1.244 novos positivos. Desde o xoves non se baixa do milleiro diario. Ademais, o número de hospitalizados aumentou un 50 % en só unha semana.
Por áreas sanitarias, a que peor está a día de hoxe é a da Coruña−Cee. Superou os 300 positivos diarios e os 3.000 casos activos.

Na área metropolitana, preocupa especialmente Arteixo, que se achega aos catrocentos casos activos. A incidencia aínda é mais elevada nalgúns municipios da costa da Morte, como en Vimianzo ou Laxe, pero sobre todo en Camariñas, onde hai dous mil casos por cada cen mil habitantes.
Tras a área sanitaria da Coruña, a de Vigo é a que máis casos activos ten. Toda a área superou os 250 casos por cen mil habitantes en 14 días. Só están por debaixo Cangas e Fornelos de Montes. Tamén preocupa a área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco polo incremento dos contaxios.
Tras varios días de suba continua, nas últimas horas, con 1.739 casos activos, chegaban na provincia ao máximo histórico e superaban así o pico de mediados de outubro. E a curva, sospeitan, seguirá subindo.

Félix Rubial, Xerente da área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras
Medran os contaxios e tamén os hospitalizados, 82. E a perspectiva é pesimista.

Sospeitan que esta última vaga será a peor e insisten na importancia vital de respectar as restricións e reducir ao máximo a vida social. 

Noticias web

18/01/2021