Galicia convoca un Consello de Pesca extraordinario polo impacto do acordo do 'brexit'
No acordo do brexit, o Reino Unido e a Unión Europea asinaron unhas condicións pesqueiras polas que os países comunitarios verán reducidas as súas capturas. Desde a Xunta cren que a situación é moi negativa para a frota galega.
"Neste acordo, aínda que algúns din que se perde pouco, nós entendemos que é un golpe duro para a nosa frota. Estudaremos polo miúdo ese acordo e intentaremos ter unha reunión cos eurodeputados españois para que digan á Comisión que explique cales son as letras pequenas e o impacto que vai ter", explica Rosa Quintana, conselleira do Mar.
O Goberno galego acaba de encargar dous informes, un técnico-administrativo e outro xurídico, para coñecer a incidencia no sector dun acordo que é longo e complexo.
Ademais, a conselleira do Mar acaba de manter dous encontros por videoconferencia con distintos representantes do sector. Xunta e frota fan fincapé en que as posibilidades de captura que se perden agora en augas do Gran Sol non se recuperarán no 2026.
"Non se nos pode esquecer que este é un acordo para cinco anos e o que entregamos agora xa o perdemos definitivamente. Dentro de cinco anos haberá que volver sentarse negociar e veremos que máis van pedir", indica a conselleira.
Está previsto que se convoque un consello galego de pesca extraordinario para analizar polo miúdo ese impacto e deseñar a estratexia galega na defensa dos intereses do sector.