CRTVG

Buscar

Galicia convértese na comunidade autónoma con máis quilómetros de autoestradas de peaxe

Publicado o 31/08/2021 15:46

A partir desta medianoite, catro de cada dez quilómetros de autoestradas de peaxe españolas pasarán a ser de balde. O Goberno libera 477 quilómetros de autoestradas, pero nin un só deles está en Galicia. A medida céntrase en Aragón e Cataluña.

Pasan a ser de balde o tramo da AP-2 que une Zaragoza con El Vendrell. Son 215 quilómetros que custaban ata hoxe 20 euros. Tamén será gratuíta a AP-7 entre Tarragona e La Jonquera, na fronteira con Francia, e o tramo entre Montmeló e El Papiol en Barcelona.

Coa liberación destes 300 quilómetros, que antes superaban os 30 euros, Cataluña deixa de pagar peaxes polas autoestradas do Estado. A voceira do Goberno vincula esta medida coa mesa de diálogo.

Transportes cre que esta medida vai supoñer un aforro de máis de 750 millóns de euros anuais para os usuarios. Estímase que a liberación destes tramos aumentará nun 37 por cento a circulación na AP-2 e na AP-7.

Coas liberacións de mañá, Galicia pasa a ser a comunidade autónoma con máis quilómetros de peaxes.

Noticias web

31/08/2021