CRTVG

Buscar

O certificado galego de vacinación estará dispoñible dentro de quince días

Publicado o 30/03/2021 16:51

• Tamén acreditará se pasamos a covid−19 ou se temos unha proba negativa

Galicia implantará na primeira quincena do mes de abril un certificado para acreditar a vacinación ou ter feitas probas de coronavirus que acrediten a superación do virus ou que a persona ten un test negativo.

Así o avanzou na conferencia de prensa posterior ao comité clínico o conselleiro de Sanidade Julio García Comesaña, quen matizou que por agora será "meramente informativo", ao actuar como un ensaio previo á implantación do "pasaporte verde" que prepara a Unión Europea a fin de facilitar a mobilidade.

Na súa comparecencia, o conselleiro explicou como funcionará este certificado, que contará cun código QR para a autentificación dos datos e estará dispoñible en primeiro lugar para os vacinados, estean cubertos polo sistema público ou non. Poderase ter tanto en papel como en formato dixital nas aplicacións do Sergas PassCOVID, É-Saúde e Sergas Móbil.

Segundo garantiu Comesaña, terá a mesma "base xurídica" e "criterios técnicos" que o proxecto europeo, que terá o obxectivo de "fomentar a mobilidade segura" durante a pandemia do coronavirus. No entanto, o certificado galego exponse como un proxecto previo ao da UE, de modo que se substituirá "de modo inmediato" polo comunitario cando estea dispoñible.

O "compromiso" de Sanidade, asegurou o conselleiro, é que estea listo na primeira quincena do mes de abril, aínda que "de momento será meramente informativo". "Se despois, unha vez consolidado o sistema, nós ou alguén expón un uso que vai na esencia de potenciar a mobilidade segura, estaremos a favor", proseguiu Comesaña, ao ser preguntado sobre a súa utilidade de cara ao futuro.

"Galicia permitirá que todos os cidadáns que se vacinasen ou realizasen probas en Galicia poidan acceder a un certificado dixital, similar ao certificado verde, validado a través de sede electrónica. A posta en marcha realizarase durante a segunda quincena do mes de abril", explica Julio García Comesaña.

O conselleiro de Sanidade tamén di que Galicia seguirá vacinando durante os festivos da Semana Santa. 

Noticias web

30/03/2021