CRTVG

Buscar

Galicia conta 597 novos contaxios de covid−19 e eleva os casos activos a 9.292

Publicado o 02/11/2020 20:48

• A área sanitaria de Vigo, con 2.072 casos activos e 155 novos contaxios, ofrece os datos máis preocupantes

• Os casos activos soben agás nas áreas de Santiago (-12) e Lugo (-3)

• Hai 446 persoas hospitalizadas en planta (+38), e 77 nas UCI (+3)

Os casos activos de covid−19 en Galicia son 9.292 ata as seis da tarde do domingo, 173 máis que no último reconto, e, desa cifra, un total de 2.072 corresponden á área sanitaria de Vigo, a única que está por encima dos dous milleiros.

Os novos contaxios diarios son 597, fronte aos 791 con que se despediu a semana pasada.

A área sanitaria de Vigo conta con 2.072 casos activos (52 máis) e 155 novas infeccións detectadas; a de Ourense, con 1.299 (23 máis) e 87 novos contaxios, e a da Coruña, con 1.575 (34 máis) e 104 novos contaxios.

Pontevedra ten 1.049 casos activos (55 máis) e 109 novos contaxios e Ferrol 954 (24 máis) e 48 infeccións diarias.

As que baixan en casos activos son dúas. A área sanitaria de Santiago de Compostela e A Barbanza presenta 1.360 casos activos, 12 menos, e 55 novos contaxios, e Lugo ten 983, tres menos, e 39 contaxios.

Hospitalizacións e UCI

Segundo os datos actualizados diariamente pola Consellería de Sanidade, hai un crecemento da presión asistencial, con 446 pacientes en unidades de hospitalización, 38 máis que no balance anterior, e 77 en UCI, tres máis.

As mortes mantéñense en 923os curados pasan a ser 27.752 (422 máis) e as PCR realizadas aumentan a 700.353 (7.710 máis). Unha cifra menor ao nivel habitual destes días, máis manténdose na tendencia ascendente dos últimos meses.

 

A Xunta decidiu o pasado venres realizar un confinamento perimetral das sete cidades e algúns municipios limítrofes ata polo menos este martes e co obxecto de conter a expansión do virus.

Mapa de nivel de alerta