CRTVG

Buscar

Galicia comeza a vacinar contra a covid−19 sen cita previa a partir do sábado

Publicado o 08/09/2021 13:12

O presidente da Xunta Alberto Núñez Feijóo anunciou este mércores que Galicia quere impulsar a vacinación contra a covid−19 coa inxección de primeiras doses sen cita previa durante o vindeiro sábado.

"Este sábado imos abrir centros de vacinación masiva para que calquera galego poida acudir a vacinarse sen cita previa", avanzou o presidente galego en conferencia de prensa.

Ademais, coa vista posta no inicio do curso universitario, durante o luns 13 e o martes 14, tamén se poñerán en marcha "puntos de vacinación" nos sete campus galegos. Nestes centros, o obxectivo é a respesca de alumnos, profesores e persoal administrativo das universidades que aínda estean sen vacinar.

Así as cousas, o presidente da Xunta estableceu no próximo 19 de setembro a data na que Galicia finalice a vacinación das persoas de máis de 12 anos.

Núñez Feijóo explicou que nestes momentos máis do 92 por cento da poboación diana de Galicia xa conta con polo menos unha dose da vacina, e máis do 85 por cento xa ten a pauta completa.

Eses datos sitúan a Galicia como a "segunda comunidade" con mellores datos de vacinación de todo o Estado, dixo Feijóo, e permitirá "iniciar o curso con toda a poboación vacinada, se é posible con dobre dose".

O presidente da Xunta expuxo que nestes momentos se abren cuestións distintas sobre a vacinación: que facer coas persoas que rexeitan vacinarse, que facer cos menores de 12 anos e como afrontar unha posible terceira dose.

Feijóo tamén cuestionou a utilidade do certificado COVID porque, dixo, "nestes momentos só ten valor para voar", mentres que "os nosos socios europeos" o solicitan, por exemplo, para acceder ao interior de establecementos. "Estarán equivocados e só nós acertamos", preguntou o presidente da Xunta, quen volveu reclamar contar cunha lei de pandemias que regulase isto, entre outras cousas, e evitase situacións como a que se deu en Galicia cando o TSXG vetou o uso dese certificado.

Noticias web

08/09/2021