CRTVG

Buscar

Galicia cifra o prexuízo dos aranceis de Trump en 55 millóns de euros

Publicado o 07/10/2019 18:58

• O Goberno e as comunidades traballarán xuntos para evitar que se apliquen | España estima as perdas en 800 millóns

O Goberno e as comunidades autónomas traballarán xuntos para evitar que se apliquen os aranceis anunciados por Donald Trump sobre máis dun millar de produtos agroalimentarios. No caso de Galicia, a Xunta cifra os prexuízos en 55 millóns de euros. En toda España achéganse aos 800 millóns.

Galicia é unha das comunidades máis afectadas polos aranceis que, se nada cambia, se empezarán a aplicar o día 18 deste mes. Así se constatou na primeira xuntanza entre o Goberno e as comunidades autónomas para avaliar o impacto da medida. Segundo a Xunta, só na conserva galega, incluído o atún, o prexuízo é de 40 millóns de euros. Na agricultura, o impacto céntrase sobre todo no viño, cuns 15 millóns de euros en xogo.

Rosa Quintana, conselleira do Mar: "Confiamos en que o Goberno de España defensa os lexítimos intereses do sector, sobre todo da agroindustria, porque tanto o mundo agrario como o pesqueiro se verían tremendamente afectados".

José González, conselleiro do Medio Rural: "Pedín un especial esforzo dentro da postura común da Unión Europea para que se defendan todos os sectores afectados, pero, no caso de Galicia, especialmente o dos viños e os queixos".

O Goberno en funcións comprometeuse a pedirlle a Bruxelas que negocie cos Estados Unidos a maneira de evitar os aranceis. Se non se pode, proporalle á Comisión Europea un plan B, con tres medidas de urxencia.

Luis Planas, ministro de Agricultura e Pesca: "Almacenamento privado de aceite, medidas compensatorias e que se activen medidas de promoción suplementarias para os produtos afectados. Estas son as que discutirei coa Comisión Europea".

Nos próximos días seguirán as reunións da Xunta e do ministerio cos sectores afectados. As olladas está postas no próximo luns, o día 14,que será cando se celebre a xuntanza entre a Unión Europea e os Estados Unidos.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

07/10/2019