CRTVG

Buscar

Galicia celebra o día grande do Entroido

Publicado o 25/02/2020 22:12

Galicia celebra hoxe o día grande do Entroido, a festa máis subversiva e irreverente do ano. Unha exaltación do "mundo ao revés" que nos transporta a ritos e ritmos ancestrais. O Entroido galego ten múltiples variantes, todas moi diferentes pero todas espectaculares. A gran celebración da vida e da risa levaranos agora a facer un percorrido para amosarlles as citas máis importantes deste martes.

O Entroido de Monte Alto

Unha festa de gran tradición neste barrio, onde os choqueiros son hoxe os grandes protagonistas.

En familia, en grupo ou a título individual. O martes de Entroido,en Monte Alto ninguén queda na casa. E cada ano, cunha completa representación dos disfraces máis coloridos.

O maxín, a creatividade e a actualidade presentes un ano máis nas rúas do barrio, cun protagonismo compartido entre pequenos e maiores.

Señoritas e Labardeiros bailaron polas rúas en Mugares

Houbo que agardar por unha tarde solleira e acolledora como esta para que os lavardeiros e señoritas de Mugares se animaran a sacar outra das figuras deste entroido rural pegado á cidade.

O Mazaruco e a Mazaruca levaban cincuenta anos sen saír de Entroido e por fin, por primeira vez desde entón, reencontráronse no lugar de sempre: "El é o Mazaruco e vestíase co traxe de noivo do último que casara ese ano, e a ela prestáballe o traxe a última noiva tamén", explica unha veciña.

A festa vén sendo coma unha voda de aldea. Coa súa charanga e os seus bailoteos: "Un martes de Entroido, se non te disfrazas co traxe da túa vila, non é Entroido. É superbonito e superemocionante".

A do martes de Entroido, fin de festa, foi unha tarde animada en Ourense. De bailes e desfiles.

O de Seixalbo percorreu o núcleo histórico e rematou baixo carpa, non lle fose dar por chover.

Nesta parroquia ourensá aínda practican a copla. Por este escenario pasaron ao longo da tarde numerosos grupos que fixeron mofa da actualidade máis próxima e de todo o Estado.

Aquí, os protagonistas da festa son Paquita e Nicanor, uns personaxes con máis dun século e medio de historia, aos que lles atribúen o don da fecundidade: "Hoxe ao rematar seguramente llos deamos a unha familia. Antigamente dicían que o que os levaba ese ano tiña familia".

Pois haberá que volver o ano que vén a ver como lles foi.

Os volantes, os maragatos e os mecos invocan a fertilidade da terra no Entroido Ribeirao

Coma cada Martes de Entroido, os coloridos volantes percorren as leiras de Santiago de Arriba, en Chantada. Fano na compaña dos mecos e dos maragatos, uns peliqueiros que protexen dos posibles perigos o portador do pucho, que é unha especie de sombreiro de cores que pesa preto de 20 quilos.

"Os personaxes propios son os volantes, que somos os que levamos as campaíñas, os maragatos, que visten peles de animais e roupas vellas, e despois están os mecos, que fan teatro".

"Os maragatos somos os que defendemos os volantes, especialmente o pucho, para que ninguén se arrime a eles. Somos os que poñemos un pouquiño de orde. Por exemplo, ao baixarmos os volantes e os maragatos polas hortas, encargámonos de que por aquí non pase ninguén máis".

Esta manifestación do Entroido Ribeirao ten unhas orixes ancestrais. Nunha especie de rito pagán, o paso do pucho que portan os volantes invoca a fertilidade da terra.

"Para que sexa a terra fértil cando se cultive e estea todo ben. E abrimos a chegada da primavera, tamén". "Hai moita xente aquí que aínda segue convencida de que se os volantes e os maragatos non pasan por riba das hortas, non vai haber unha colleita boa".

Lonxe das masificacións doutras festas, o Entroido Ribeirao soubo conservar a súa esencia rural e auténtica

Testamento do burro

É un dos momentos máis divertidos pero tamén máis tristes do Entroido de Laza. Centos de persoas volveron ateigar a praza da Picota para escoitar a lectura do testamento do burro.

"A despedida dos peliqueiros é a tristeza máis grande". "Remata o Entroido e hai que agardar un ano, pero aquí estaremos para o seguinte". "Estamos de despedida, pero o que queda hai que disfrutalo". "É un día triste pero bonito. É un sentimento de acábase e de que hai que agardar un ano a que volvan".

O testamento do burro é un repaso satírico polos acontecementos ido último ano. Con el, Laza pon fin ao seu Entroido.

"É moi triste pero hai que apoialos. Estiveron un ano esforzándose e mirade o limpa que quedou a rúa que sufríu a terra, as formigas, a fariña".

Tras a lectura, os peliqueiros escenifican o loito polo Entroido percorrendo a praza da Picota cun crespón negro. Rematou a festa ata o ano que vén.

Peliqueiros veteranos en Laza

A xornada comeza cedo en Laza. É o día dos peliqueiros máis veteráns. Así que toca vestirse con sumo coidado para levar coma se merece un traxe con tanta tradición. É todo un sentimento.

Algúns levan máis de 40 anos vestíndose de peliqueiro. Van de casa en casa para xuntarse e chegar á praza da Picota. Un grande esforzo, de feito moitos levan tempo preparándose.

Todo un espectáculo do que gozan faga o tempo que faga multitude de veciños e visitantes. Hoxe é o último día que veremos aos peliqueiros por Laza. Despídense ata o ano que vén.

Folións e mázcaras percorren as rúas de Manzaneda

Todo o Entroido é un ritual. En verso os folións piden permiso para percorrer a vila.

Atronan bombos, aixadas e gadañas... É o latexo do Entroido.

Polo seu ritmo podemos saber de onde son. Cada parroquia ten un tocar diferente, sinal de identidade.

Caxato en alto as mázcaras xiran sobre sí mesmas seguindo o hipnótico ritmo do folión.

E aí é onde pervive un dos entroidos máis xenuinos de Galicia.

Queima do Meco en Vigo

O emblema do Entroido rende homenaxe este ano a símbolos da cidade como a noria que tanto éxito de público acadou o pasado Nadal, o Dinoseto ou o estadio de Balaídos. Queda festa aínda para a xornada de mañá, cando se celebrará o sepelio do Meco, con toda a solemnidade da súa comitiva fúnebre, e a entrega de premios do concurso de comparsas e carrozas nesta mesma Porta do Sol.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

25/02/2020