Galicia celebra este domingo uns comicios inéditos marcados pola pandemia
• Serán xunto ás eleccións vascas, as primeiras en España da "nova normalidade"
• Segundo os especialistas médicos, ir votar non supón ningún risco

Ás nove da mañá abriron os colexios electorais en Galicia e no País Vasco, para as que serán as primeiras eleccións tras o estado de alarma e que se celebrarán en pleno episodio de rebrotes. Agás algún pequeno retraso debido aos problemas comúns de falta de membros na mesa ou a colocación de mesas para manter a distancia social.
Dos cabezas de lista, candidatas e candidatos á presidencia da Xunta, os primeiros en votar foron Ana Pontón, do BNG, que o fixo sobre as nove e cuarto da mañá, e Pancho Casal, da Marea Galeguista, que votou contra as dez da mañá.
Un pouco máis tarde o fixo Gonzalo Caballero, do PSdeG-PSOE, en Vigo. Todos eles coinciden en solicitar a participación masiva nestas eleccións autonómicas.
O presidente do Partido Popular de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, vota ás once e media en Vigo; á mesma hora que o fará Antón Gómez Reino de Galicia en Común.
Os candidatos de Vox e a candidata de Ciudadanos votarán sobre as doce do mediodía.
En Galicia, o brote máis activo, na Mariña, vai deixar case unhas trescentas persoas sen poder depositar a súa papeleta por seren positivos. Os seus contactos si poderán acudir aos colexios e, acto seguido, regresar aos seus domicilios para seguir a corentena.