CRTVG

Buscar

Galicia celebra o Día da Xente do Mar

Publicado o 25/06/2020 15:35

Desde hai 10 anos celébrase o Día da Xente do Mar neste 25 de xuño. Unha data que aquí se vive de forma discreta e orgullosa, tal e como é o traballo dos mariñeiros. Por exemplo, os bateeiros.

"Isto leva un traballo dun ano enteiro. Ir ás pedras, metelo nas cordas, esperar 6 meses para sacar para a industria", di Óscar José Rivera, bateeiro.

O mundo do mar evolucionou moito nas últimas décadas e hoxe as preocupacións a medio prazo son a falta de cotas, a renovación da frota, a falta de tripulantes, as consecuencias do brexit ou a valorización do peixe.

Mirando cara ao pasado, a tecnificación do sector foi decisiva. Non hai moito, os bateeiros sacaban 5.000 quilos de mexillón en todo o día e hoxe poden sacar 30.000 en tres horas.

"Todo á man, cargábase sobre a batea... Cambiaron moito os tempos. Os barcos melloraron moitísimo... Hai barcos transformadores xa pola ría", engade Javier Mosquera, bateeiro.

O ano pasado nas lonxas galegas poxáronse 158.000 toneladas de produtos que xeraron uns ingresos de 465 millóns de euros. Mar e Galicia son case sinónimos. Este 25 de xuño e calquera día do ano.

Noticias web

25/06/2020