Galicia bate récords de suba de casos (+560) e de positivos
• Este luns foi o segundo día con máis contaxios notificados no que vai de pandemia (+844) | Os ingresados achéganse aos 500
• A área da Coruña supera os 2.000 casos, tras 144 novos contaxios
• Feijóo cre que a terceira onda será "superior" á de novembro

O incremento de casos non se detén nin frea. Esta xornada o Sergas notifica 8.810 casos activos, 560 máis, a maior suba no que vai de pandemia. Dende o 24 de decembro, Galicia sumou 3.155 casos activos.
Por áreas sanitarias, a repartición dos casos activos é a seguinte:
• A Coruña: 2.064 (+120)
• Santiago: 1.810 (+131)
• Vigo: 1.579 (+95)
• Ourense: 1.140 (+100)
• Lugo: 810 (+32)
• Pontevedra: 809 (+51)
• Ferrol: 598 (+31)
Se observamos a evolución baseándonos nos datos do histórico (e non nos casos notificados diariamente), a curva da que sería a terceira vaga debuxa unha empinada tendencia ascendente e monta enriba da segunda.
Segue aumentando a presión asistencial
O número de persoas hospitalizadas en Galicia continúa subindo ata achegarse ás 500: hai 491 ingresadas, 421 en planta (+24) e 70 nas UCI (-1).
A cifra de vítimas no que vai de pandemia chega ás 1.462, logo da notificación por parte do Sergas do pasamento de doce persoas por mor da covid−19.
Cifra récord de positivos
Cae a cifra de probas PCR realizadas ata as 6.232 (-1.817), pero delas dan positivo 719, o cal deixa unha taxa de positividade do 11,54 %, a máis elevada no que vai de pandemia, e dispoñemos datos oficiais ao respecto. Son máis de seis puntos por riba do recomendado pola OMS.