CRTVG

Buscar

Galicia baixa o seu número de casos activos, pero repuntan nas áreas de Ferrol e A Coruña

Publicado o 15/03/2021 10:12

• No que vai de pandemia faleceron 2.300 persoas

• A taxa de positividade mantense por debaixo do 2 %

• Redúcense só en 67 os casos, a cifra máis baixa dende o 4 de febreiro

Galicia baixa o seu número de casos activos, pero repuntan nas áreas de Ferrol e A Coruña

Galicia continúa reduncindo o número de casos activos, aínda que a un ritmo menor do que hai unhas semanas. Segundo os últimos datos do Sergas, hai 2.682 persoas con coronavirus no país, 67 menos ca onte, tras detectárense 112 novos positivos, 98 a través dunha proba PCR.

Aínda que o balance de casos activos deixa un saldo negativo, o certo é que, por áreas sanitarias, Ferrol e A Coruña informaron de máis positivos que baixas. Por áreas sanitarias, a repartición é:

A Coruña: 1.053 (+3)

Vigo: 451 (-38)

Pontevedra: 244 (-34)

Santiago: 299 (-8)

Lugo: 203 (-1)

Ferrol: 246 (+15)

Ourense: 186 (-4)

A presión asistencial mantense estable

As cifras relativas aos hospitais son semellantes ás de onte, con 325 persoas ingresadas. Houbo unha lixeira repunta nos ingresados en planta (251, seis máis ca onte) e hai unha persoa menos nas UCI respecto a onte (74). 

Onte o Sergas notificou a morte de catro persoas por mor da covid-19. Van xa 2.300 vítimas desta doenza no que vai de pandemia.

A positividade, por debaixo do 2 %

Segundo Sanidade, realizáronse 5.204 probas PCR (-1.011), das cales deron positivo só 98. Isto revea unha taxa de positividade baixa do 1,88 %, moi inferior ao limiar máximo sinalado pola OMS para dar por controlada unha pandemia (5 %).