Morren 12 persoas en Galicia nunha xornada en que baixan de 8.000 os casos activos
• A área sanitaria de Vigo é a única que sobe dos 100 positivos diarios
• Os casos activos de coronavirus caen en toda Galicia e sitúanse en cifras de finais de outubro
O Sergas informa de que 12 persoas morreron con coronavirus nos hospitais galegos nas ultimas 24 horas. Catro delas no Complexo Hospitalario de Vigo: Tres homes, un de 77 anos, outro de 80 e o terceiro de 82 anos, e unha muller de 93 anos. Na Coruña faleceron unha muller de 92 anos e un home de 70 anos. En Ferrol morreron unha muller de 98 anos, usuaria da residencia Nosa Señora das Virtudes de Pontedeume, e outra de 92 anos. No hospital de Pontevedra faleceron un home de 89 anos que procedía da residencia de Vilaboa e outro de 84 anos. En Ourense morría un home de 77 anos e en Lugo unha muller de 91 anos usuaria da residencia de Vilalba. Tras sumar estes datos, a cifra total de falecidos en Galicia dende o inicio da pandemia ascende a 1205.
Na xornada a curva do coronavirus comeza a amosar signos de que se dobrega tanto en contaxios coma en casos activos da infección, cunha tendencia á baixa. Galicia logra ter menos de 8.000 enfermos de coronavirus. Cifras así non se rexistraban desde finais de outubro. Con datos das 18:00 horas do sábado, son 7.904 persoas coa infección activa. As cifras baixan de xeito paulatino, despois de lograr estar por baixo dos 9.000 a fin de semana pasada. Este domingo son 307 casos menos.
Só Vigo ten unha nova repunta e supera os 100 contaxios diarios, con 109 nas últimas 24 horas diagnosticados por PCR. Os novos positivos son 343 en toda Galicia, dos que 329 foron diagnosticados por PCR, 26 menos que os notificados o sábado. Realizáronse 6.913 probas de PCR, fronte ás 7.005 do día anterior.
A baixada tamén se produce nas UCI, con 81 persoas ingresadas, catro menos que a xornada precedente, nunha redución superior ao cinco por cento. Contrasta ese dato co das camas de hospital, con 388 pacientes, catro máis, unha suba do 1 por cento. Estas cifras supoñen que se mantén igual a presión asistencial, con 469 pacientes nos hospitais, coma o sábado.
Situación por áreas sanitarias
Vigo segue a ser a área que máis casos activos ten, con 2.099, aínda que son 99 menos que o sábado. A Coruña rexistra 1.675, 22 menos, e Pontevedra 1.136, 31 menos. Lugo sitúase con 967, 98 menos. En Santiago o número de infeccións activas baixa a 866, 32 menos, en Ferrol a 688, 18 menos, e a área sanitaria de Ourense baixa dos 500 casos activos, 473, 37 menos.