CRTVG

Buscar

Galicia baixa dos 1.500 casos activos por primeira vez dende finais de xuño

Publicado o 25/09/2021 11:37

Tras volver á situación de nova normalidade o xoves, Galicia reduciu na última xornada o número de casos activos de covid-19 por baixo dos 1.500 por primeira vez desde finais de xuño, ata quedar con 1.443 (-120). Porén, os contaxios e ingresos hospitalarios rexistran leves subas.

Segundo os datos do Servizo Galego de Saúde (Sergas), das 18:00 horas deste venres, 24 de setembro, rexistráronse un total de 58 positivos por proba diagnóstica, un máis ca o día anterior. O reparto por áreas sanitarias é o seguinte: Ourense 15, A Coruña 14, Lugo 12, Santiago 9, Vigo 7 e Pontevedra 1.

A cifra de pacientes ingresados ascende a 59, dos que 41 están en planta, un máis, e 18 en UCI, tamén un máis. Este sábado, a área sanitaria de Ferrol converteuse na primeira de Galicia sen persoas hospitalizadas por mor da covid-19 tras a última onda de contaxios. 

Desde o inicio da pandemia contaxiáronse en Galicia 182.077 persoas, das que se curaron 178.040, 175 delas nas últimas 24 horas. O número de falecementos ascende a 2.628, tras dúas mortes comunicadas onte polo Sergas no hospital de Monforte de Lemos: dous homes maiores de 90 anos. Un deles procedía da residencia DomusVi Monforte, onde quedan 32 casos positivos, segundo a última cifra oficial notificada o mércores.

Incidencia acumulada

A incidencia acumulada en Galicia sitúase en 45,97 casos por cen mil habitantes a 14 días, 4 puntos menos que o día anterior, e por baixo dos 69,37 casos da media española, segundo os datos facilitados onte polo Ministerio de Sanidade. Ademais, a taxa de positividade das probas realizadas tamén continúa en descenso e queda nun 2,51 % fronte ao 3,52 % da media estatal.

Casos por áreas

Por áreas sanitarias, o descenso de casos é xeneralizado, empezando pola da Coruña, que ten 340, 43 menos que na xornada anterior. En Vigo hai 287 casos (-12); en Lugo 268 (-28), en Santiago 208 (-12); en Ourense 201 (-10); en Pontevedra 101 (-7); e Ferrol 38 (-8).

En Galicia, administráronse 4.352.730 doses da vacina contra a covid-19 e xa hai 2.250.689 persoas que contan coa pauta completa.