Galicia avanza na vacinación e supera o 91 % de poboación diana inmunizada
O balance deste luns tras as xornadas de vacinación da fin de semana é de 39.000 doses administradas máis, das cales, o groso, máis de 36.000, foron segundas doses. Pero houbo 2.500 de primeiras doses e 83 de terceiras. Pasos que sitúan xa preto do 92 % os vacinados en Galicia coa pauta completa.
"Temos unhas cifras moi importantes de vacinados. Os que non estean vacinados deben vacinarse, porque corren o risco de sufrir cadros graves", explica Juan Gestal, catedrático de Medicina Preventiva e Saúde Pública.
En cuestión de días Galicia baixará dos 50 casos por cen mil e chegará o novo reto de rebaixar ao máximo os casos e os gromos e ir sumando territorios libres de covid, "concellos sen casos e máis concellos sen casos ata que poidamos chegar a un, dous, tres casos, cero casos na comunidade, que sería ter controlada a pandemia. Todo isto con permiso das variantes, que non nos veña outra variante que nos dea unha reviravolta".
Vacinarse é imprescindible para cortar a transmisión e evitar novas mutacións e tamén para seguir reducindo as cifras de ingresos en hospitais que está por baixo de 100 pacientes por primeira vez nos últimos dous meses.
Galicia comezará a poñer a terceira dose da vacina nas residencias de maiores esta mesma semana. Anunciouno o presidente da Xunta, que tamén apuntou que o Ministerio de Sanidade ten que enviar viais dabondo para poder comezar con esa terceira inxección.