CRTVG

Buscar

Avanza a vacinación con Pfizer, á espera do veredicto sobre AstraZeneca

Publicado o 16/03/2021 15:06

Galicia continúa a vacinación das persoas maiores e outros colectivos específicos. Só nas últimas horas a comunidade recibiu máis de 7.000 viais de Pfizer Biontech, en paralelo a suspensión temporal da vacina de AstraZeneca á espera do veredicto final da Axencia Europea do Medicamento (EMA).

"Que escenarios pode haber? Si se retoma a vacinación normal completarán a pauta, se a suspension se mantén, as autoridades sanitarias terán que prover outro plan en que posiblemente se administre a segunda dose con outros fármacos", explica Federico Martinón-Torres, membro do comité asesor de vacinas da OMS.

Mentres, os expertos chaman á calma. "Son 17 millóns de doses, tranquilidade, os que xa se vacinaron con AstraZeneca están cunha vantaxe indudable, están protexidos ante unha enfermidade que xa causou máis de dous millóns e medio de mortes", asegura Amos José García Rojas, presidente da Asociación Española de Vacinoloxía.

Dende o Goberno xustifican a suspensión por prudencia "que guía todas as nosas actuacións. O sistema de farmacovixilancia funciona", di Carolina Darias, ministra de Sanidade.

Polo momento en España detectouse un único caso de trombose de seos venosos entre os vacinados coa fórmula de AstraZeneca, e hai outros 10 casos similares en Europa.

María Jesús Lamas, directora da Axencia Española do Medicamento explica que son "moi poucos eventos, 11 neste momento, e puxéronse máis de 17 millóns desta vacina entre Europa e o Reino Unido".

Máis de 760.000 doses de AstraZeneca permanecen almacenadas no país, tras a suspensión cautelar da vacina.

Noticias web

16/03/2021