Galicia aumenta os novos contaxios (+734) e albisca os 10.000 casos activos
• As áreas de Ourense e Santiago, as únicas que reducen os seus casos activos
• Coa suba na de Ferrol, todas as áreas superan o milleiro de casos. A de Vigo, os 2.000.
• O número de ingresados en planta segue en aumento (+15)
O avance da segunda vaga parece que non dá freado. As cifras en Galicia seguen aumentando de xeito importante, á espera de ver o efecto das últimas medidas decretadas pola Xunta.
Hoxe os casos activos ascenden ata os 9.895, 253 máis ca onte. Confirmáronse 734 positivos por PCR, unha das cifras máis altas do último mes.
Por áreas sanitarias a repartición quedaría:
• Vigo: 2.388 (+117)
• A Coruña: 1.737 (+69)
• Santiago: 1.338 (-12)
• Ourense: 1.152 (-59)
• Pontevedra: 1.137 (+40)
• Ferrol: 1.094 (+65)
• Lugo: 1.049 (+33)
Na área de Vigo achéganse aos 2.400 contaxiados, na da Coruña superan os 1.700 e na de Pontevedra os 1.100, cifra que están a piques de acadar en Ferrol. Na provincia de Lugo hai 1.049 persoas co virus.
Aumenta a presión hospitalaria, aínda que menos
Segundo os datos do Sergas consolidados onte ás 18:00, o número de hospitalizados por covid-19 é de 498. Son 15 persoas máis das notificadas onte, un aumento algo menor dos rexistrados nas últimas xornadas.
Con todo, debemos ter en conta que a xornada previa se informara do ingreso en planta de 97 persoas e que nas UCI os números seguen semellantes, 79 (-1).
Boa é a cifra de curados, que chega aos 28.964 persoas, 498 no día de onte.
Nove falecementos
Na xornada de onte morreron por covid-19 nove persoas. Eran un home de 70 anos ingresado no CHUF, unha muller de 81 anos ingresada no CHUVI, un home de 75 anos ingresado no CHUVI (procedente da residencia de Salvaterra de Miño), unha muller de 93 anos ingresada no CHUO (procedente da residencia Nosa Señora dos Milagres de Barbadás), unha muller de 86 anos ingresada no CHUAC, unha muller de 101 anos ingresado no CHUAC, unha muller de 84 anos ingresada no CHUAC, un home de 88 anos ingresado no CHUAC e un home de 78 anos ingresado no CHUS. Todos eles presentaban patoloxías previas.