CRTVG

Buscar

Galicia aposta pola igualdade, sustentabilidade e a remuda xeracional na reforma pesqueira

Publicado o 07/09/2021 16:46

O Goberno galego toma posicións para a próxima reforma da Política Pesqueira da Unión Europea. A Consellería de Pesca presenta as propostas na futura negociación: seguir apostando pola sustentabilidade, esixir a terceiros paises que compitan en condicións de igualdade e promover a remuda xeracional no sector. 

A conselleira de Pesca presentou en Vigo estas propostas. Rosa Quintana defende unha reforma baseada na sustentabilidade e na remuda xeracional. Outros retos para Galicia son a adaptación ao cambio climático e a cogobernanza global. Son os principais puntos que se van debater co sector con vistas á reforma que a Comisión Europea ten previsto abordar o próximo ano.

Preocupa especialmente a remuda xeracional entre a tripulación da frota no sector pesqueiro galego. Nesta liña Galicia aposta por reforzar a formación e mellorar as condicións a bordo. É unha das principais medidas xunto á adaptación ao cambio climático e á cogobernanza global para loitar contra a pesca ilegal e conseguir unha repartición xusta das oportunidades de pesca. Galicia buscará o consenso para defender estas propostas.

O sector pesqueiro galego ve con bos ollos estas medidas e agarda que a pesca galega sexa escoitada en Bruxelas. A última reforma foi aprobada en 2013, o próximo ano Galicia terá unha nova oportunidade co comezo do debate na Comisión Europea para o deseño dunha nova política pesqueira común.

Noticias web

07/09/2021