CRTVG

Buscar

Galicia analiza que o rural e as cidades non teñan o mesmo toque de queda

Publicado o 26/10/2020 15:04

• "Unha aldea de cinco ou seis persoas ou unha vila de 300 non son iguais que unha cidade de 300.000 ou 250.000", di o presidente da Xunta

• Feijóo coida que o goberno central comete un erro ao manter o estado de alarma ata o mes de maio

O comité clínico que asesora a Xunta na xestión da pandemia reunirase esta tarde de maneira "inmediata" para tratar o toque de recollida e tamén a situación epidemiolóxica da Comunidade Autónoma. Polo de agora, non se considera "imprescindible" o peche perimetral.

Así o manifestou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na súa comparecencia tras a conferencia de presidentes deste luns; nela, asegurou que o Goberno galego "non improvisa" e adoptará as decisións en función da situación da epidemia na comunidade autónoma.

Polo momento, o toque de recollida de Galicia é o establecido ebn España; de 23 a 6 horas, pero "parécenos que unha aldea de cinco ou seis persoas, ou unha vila de 300, non deberían ter as mesmas restricións que unha cidade de 300.000 ou 250.000", dixo Feijóo, para explicar que na ánalise que o comité clínico faga da situación poderían establecerse distintas faixas nocturnas en función do tamaño da poboación.

Polo que respecta á posibilidade de establecer un peche perimetral da comunidade autónoma, Núñez Feijóo dixo que "cos datos de onte" non sería "imprescindible" tomar esa decisión, pero, que en todo caso, calquera decisión neste sentido adoptarase co "único límite" da protección de saúde dos cidadáns e sempre "en proporción" coa situación concreta de cada poboación.

O presidente da Xunta volveu criticar a declaración do estado de alarma: "Non é de recibo utilizar mecanismos constitucionais excepcionais para xestionar un problema sanitario", afirmou.

"Falar de estado de alarma outra vez, e falar dun estado de alarma ata maio, falar dun mal chamado toque de queda, é demoledor para a confianza da economía e para a reputación internacional de España", di Núñez Feijóo.