CRTVG

Buscar

As residencias galegas volven a cifras de mediados de maio con 350 casos activos

Publicado o 14/09/2020 12:46
As residencias galegas volven a cifras de mediados de maio con 350 casos activos

As residencias están a representar un dos principais focos de preocupación nesta segunda vaga da pandemia en Galicia. Segundo os últimos datos do SERGAS, hai 350 persoas contaxiadas relacionadas con residencias, unha cifra que non se alcanzaba dende o 15 de maio.

Lugo, a provincia máis afectada

O gromo na residencia do Incio e posteriormente o da residencia DomusVi Lugo de Outeiro de Rei acumularon o maior número de casos en centros residenciais de todo Galicia.

As últimas actualizacións contabilizan 141 usuarios e 23 traballadores infectados na de Outeiro e na residencia do Incio 59 usuarios e 36 traballadores.

A especial vulnerabilidade da poboación avellentada elevou a mortalidade nestes centros respecto a outros gromos cuxo perfil é máis novo. O falecemento dun home de 77 anos no HULA, usuario da residencia do Incio, elevou a 21 as vítimas da pandemia neste centro residencial, o que está a sufrir máis nesta segunda vaga.

Duplícanse os casos no centro de dicapacidade de Oleiros

Outro foco que preocupa alén das residencias da terceira idade é o centro de discapacidade Ricardo Baró de Apronaga, en Oleiros. Segundo os últimos datos do Sergas, hai alí 26 usuarios e dous traballadores contaxiados. Dos 26 usuarios, 14 deron positivo na xornada de onte.

Casos illados de traballadores

Aínda que en total hai, polo momento, 26 centros con casos positivos, tan só sete teñen usuarios contaxiados. A maioría das residencias afectadas tan só rexistraron un traballador ou traballadora positiva -é así en 20 delas.

Os centros con positivos de usuarios son, arestora:

• DomusViLugo (Outeiro de Rei): 141.

• Residencia O Incio: 59.

• Orpea Coruña (Culleredo): 26

• DomusVi Lalín: 5.

• Residencia Arteixo: 1.

• Residencia Castro Ribeiras do Lea: 1.


No que respecta aos traballadores, son tamén as do Incio e Outeiro de Rei as máis afectadas: 36 na primeira e 23 na segunda. Ademais destas dúas, só catro das 26 pasan dun caso activo:

• Orpea Coruña (Culleredo): 4.

• DomusVi Lalín: 4.

• DoralResidencias (Mos): 2.

• Ricardo Baro de Aspronaga (Oleiros): 2.