Galicia agarda mellorar cotas de pesca na pescada, o rapante ou o peixe sapo
A pesca galega está pendente de Bruxelas. Os 27 negocian as cotas ata finais de xullo. E Galicia aspira a mellorar as posibilidades de pesca nalgunhas especies.
O executivo europeo propón capturar ata o 31 de xullo a metade do que recomendan os científicos para todo o 2021. En lugar de utilizar como referencia os TAC do ano pasado, a proposta que se discute baséase no límite recomendado polo Consello Internacional para a Exploración do Mar.
Ante posibles recortes nas especies que máis interesan en Galicia, a conselleira do Mar pide ao Goberno que faga valer a recuperación dalgunhas delas, coma o rapante, a pescada ou o peixe sapo.
Rosa Quintana acompaña en Bruxelas o ministro Planas en representación das comunidades autónomas en asuntos pesqueiros. Coinciden en que Europa debe ser firme na súa estratexia pesqueira fronte ao Reino Unido.