CRTVG

Buscar

Galicia agarda con ilusión a chegada dos Reis Magos

Publicado o 04/01/2019 19:43

Con moita ilusión agarda Galicia a chegada dos Reis Magos de Oriente. Á cidade da Coruña chegarán sobre as cinco e media da tarde. Dende a avenida da Habana percorrerán as principais rúas ata chegar á praza de María Pita, que está previsto que sexa ás oito e media.

Á mesma hora, pero por mar, chegan os Reis a Ferrol, ao peirao de Curuxeiras. A cabalgata comezará ás seis da tarde dende a rúa Colombia para rematar tres horas despois na praza de Armas. 

Melchor, Gaspar e Baltasar estarán acompañados en Santiago polos personaxes do conto de Alicia no país das marabillas. Alí chegarán, como é costume, en tren e durante dúas horas, máis de 450 figurantes, 25 agrupacións artísticas e 6 carrozas desfilarán polas rúas ata chegar á praza do Obradoiro.

En Lugo partirán do parque da Milagrosa ás seis e estarán acompañados por carrozas inspiradas nos contos de Disney.

En Ourense tamén van chegar por tren, ás cinco e media e tras a recepción oficial partirá a comitiva formada por 5 carrozas e 29 agrupacións que contarán unha historia titulada 'Un soño de Nadal'. 

En Pontevedra o momento máis agardado polos nenos é pola mañá, que é cando as súas maxestades reciben todos os pequenos no Pazo de Mugartegui, será ás once. Terán que agardar logo ata as seis da tarde para ver o desfile.

Tamén pola mañá os nenos de Vigo poderán estar cos Reis no Auditorio Municipal a partir das 12. A Cabalgata sairá ás seis da rúa García Barbón e chegará á Porta do Sol dúas horas despois. 

Esperando os reis no rural

Andan afanados en Cualedro porque esta será unha das primeiras paradas que fagan os Reis Magos o seu paso por Galicia. Dende hai anos, xa de mañá, aproveitan a feira do cinco de xaneiro para percorrer a vila e unha vintena de aldeas do municipio. 

En Cualedro hai xa case unha década que decidiron recuperar a tradición da cabalgata de Reis. O millor é que a participación medra cada ano de xeito proporcional a ilusión de grandes e pequenos. 

Os Reis Magos non queren deixar recuncho do concello sen visitar así mañá achegaranse tamén ata a residencia da terceira idade e mesmo a casa niño de Cualedro. Xa saben vaian preparando os zapatos que as súas maxestades xa están de camiño.

 

 

 

 

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

04/01/2019