CRTVG

Buscar

Galicia non rexistra falecidos por coronavirus por primeira vez en medio ano

Publicado o 27/03/2021 20:53

• A Semana Santa arrinca cos casos activos en descenso

• Leve repunta dos positivos, pero cunha tendencia estable

 

O Sergas informou a última hora da tarde de que non hai que lamentar novas mortes pola covid durante a xornada, algo que non sucedía desde hai medio ano. Asi a cifra total de falecidos en Galicia durante a crise sanitaria mantense en 2.332 persoas.

Xornada na que frea a evolución favorable que rexistraban os indicadores da covid en Galicia con datos do venres ás 18 horas. As probas realizadas detectan un incremento dos contaxios, que son 152, cun aumento de 37 respecto da xornada anterior. Tamén o diagnóstico con PCR aumenta, xa que son 137 os positivos novos, que son 42 máis. Alternan as xornadas de descensos e as de incrementos. Hai un aumento da positividade nas 5.929 probas realizadas en 24 horas, do 1.7 % ao 2,8 %.

Isto sucede xa inmersos na Semana Santa. Os datos positivos son o de infeccións activas, que volven a caer de xeito lixeiro e sitúanse en 2.357 (-46), e tamén o de ingresados nos hospitais, que son agora 204 persoas, dez menos que 24 horas antes. Dos pacientes coa enfermidade, 32 precisan UCI, catro menos; en planta permanecen 172 enfermos, seis menos que a xornada precedente.

Situación por áreas sanitarias

Na área da Coruña, a máis castigada desde a chegada da terceira vaga despois do Nadal, seguen a reducirse de xeito lixeiro os casos activos de coronavirus, pero diagnosticáronse 45 novos contaxios. Vigo é a única área cun aumento de infeccións activas, con 22 máis.  E na de Ferrol non quedan pacientes ingresados en UCI, mentres que na de Pontevedra e na de Ourense hai un ingresado nestas unidades e dous na de Santiago. En Vigo son 50 os novos positivos detectados.

Nas distintas demarcacións as persoas coa infección activa son:

A Coruña: 891

Ferrol: 157

Lugo: 167

Ourense: 145

Pontevedra: 206

Santiago: 254

Vigo: 537

 

As residencias galegas contabilizan 13 usuarios contaxiados

Nas residencias de maiores quedan 13 usuarios positivos, 2 en Xinzo e 11 en Silleda, onde hai tamén 3 traballadores infectados. Nas últimas horas rexistrouse outro operario positivo na residencia de Oleiros.