CRTVG

Buscar

Galicia achégase aos 6.000 casos activos e os 400 ingresados na véspera de Reis

Publicado o 05/01/2021 10:40

• Tan só a área sanitaria de Vigo (-21) reduce os seus casos respecto a onte

• A positividade baixa, pero mantense alta: 7,10 %

Galicia achégase aos 6.000 casos activos e os 400 ingresados na véspera de Reis

En Galicia hai case 6.000 persoas diagnosticadas con covid-19 na véspera de Reis. Así o reflicten os últimos datos facilitados polo Sergas no seu portal, consolidados onte ás 18:00.

Hai 5.991 casos activos, 86 máis ca onte. Son cifras próximas aos niveis de comezos de decembro.

Dende o pasado 28 de decembro detívose a suave tendencia á baixa e os casos foron oscilando de xeito irregular con subas que poderían albiscar nestes días os primeiros impactos das festas do Nadal. Por áreas sanitarias, a situación é a seguinte:

• Santiago: 1.336 (+9)

• A Coruña: 1.224 (+31)

• Vigo: 1.113 (-21)

• Pontevedra: 751 (+20)

• Ourense: 688 (+18)

• Lugo: 531 (+24)

• Ferrol: 348 (+5)

Case 400 hospitalizados

Outro dato negativo está nos hospitais. O número de persoas ingresadas segue ascendendo ata aproximarse ás 400: hai 398 hospitalizadas, 342 en planta (+8) e 56 nas UCI (+2).

Son cifras que se conseguiran reducir lixeiramente dende a segunda semana de decembro ata o 26 de decembro, cando comezaron a repuntar.

Con todo, debemos ter presente que os aumentos das hospitalizacións que poidan derivarse da relaxación das restricións non se reflicten aínda, ou polo menos non dun xeito evidente.

Os expertos apuntan que neste tipo de situacións, a secuencia adoita comezar cun incremento das incidencias acumuladas (que miden o número de persoas contaxiadas por cada cen mil habitantes dunha zona concreta nun período acoutado), ao que segue unha repunta dos ingresos e, no último elo, un aumento dos falecementos.

Por desgraza, en Galicia hai, segundo os últimos datos do Sergas, 1.421 vítimas no que vai de pandemia tras a notificación onte de sete falecementos por mor da covid-19.

Baixa a positividade, que segue alta

O ritmo na realización das PCR reduciuse durante as pasadas semanas considerablemente. Porén, o número de contaxios mantívose en cifras semellantes ou mesmo aumentou varios días na última semana por riba dos 400.

Segundo os datos do Sergas, realizáronse 4.209 probas PCR, o que son 896 menos ca onte. Delas, deron positivo 298.

Isto deixa unha positividade do 7,10 %, un punto menos ca onte. Se a comparamos coas cifras de todo decembro, que tenderon a estar próximas ou por debaixo do 5 % na práctica totalidade dos días, as cifras das últimas 11 xornadas preocupan.

Mapas de incidencia por concellos e de restricións