Galicia acada o seu máximo: 10.864 casos activos logo de 1.169 contaxios nun día
• Supera xa o pico de novembro, cunha evolución moito peor
• Dispárase a presión hospitalaria: hai case 600 ingresados (+50)
• A positividade segue elevada, rozando o 10 %

A repunta continúa no seu ascenso, superando hoxe o pico de novembro e establecendo un novo máximo provisionalmente. Segundo os últimos datos do Sergas, hai 10.864 casos activos, 649 máis ca onte.
Volve superarse o limar dos 1.000 contaxios en 24 PCR: foron 1.169, 1.013 confirmados por PCR.
Por áreas, os casos activos repártense así:
• A Coruña: 2.635 (+166)
• Santiago: 2.081 (+98)
• Vigo: 1.994 (+101)
• Ourense: 1.459 (+111)
• Lugo: 992 (+47)
• Pontevedra: 907 (+40)
• Ferrol: 796 (+86)
Case 600 persoas ingresadas
Tamén segue aumentando a presión hospitalaria, que roza as 600 persoas ingresadas: hai 595 hospitalizadas, 90 nas UCI (+8) e 595 (+42).
Son niveis moi próximos aos máis elevados de novembro, o anterior pico, mais a progresión tanto dos contaxios como das hospitalizacións é sensiblemente peor.
De feito, o día con máis casos (ata hoxe), o 7 de novembro, había 16 persoas menos ingresadas ca nesta xornada.
A cifra de falecidos no que vai de pandemia elévase a 1.485 persoas, logo da notificación polo Sergas de 5 pasamentos onte.
A positividade, preto do 10 %
Fixéronse 10.194 probas PCR, que son 558 menos ca onte. Delas, deron positivo 1.013, o que deixa unha positividade do 9,94 %, case o dobre do recomendado pola OMS para dar a pandemia por controlada.
EN AMPLIACIÓN