CRTVG

Buscar

Os 27 pechan o acordo sobre a PAC; Galicia podería recibir uns 2.400 millóns

Publicado o 21/10/2020 15:51

Xa hai acordo sobre os fondos que vai destinar Europa ao próximo período da Política Agraria Común. Serán 390.000 millóns de euros ata 2027. A España corresponderanlle máis de 47.700 millóns, e falta saber como se repartirán por comunidades, e canto lle toca a Galicia. O Goberno reclama que se lles sumen máis cartos dos fondos de reconstrución.

Segundo José González, conselleiro do Medio Rural, "hai 750.000 millóns de euros a maiores no orzamento da UE, e hai que aclarar que parte vai ir para o sector primario".

Pide máis cartos para atender, por exemplo, as esixencias que introduzan os chamados ecoesquemas, os incentivos para que os agricultores asuman voluntariamente prácticas máis ecolóxicas: "Teremos máis esixencias medioambientais, así que non chega cos mesmos cartos. Necesitamos máis cartos e máis tempo para adaptarnos", di González.

Se ben xa hai acordo sobre canto vai repartir Europa, aquí o que máis interesa é definir a quen. "Non ten sentido" di Roberto García, Secretario xeral de Unións Agrarias, que as axudas "vaian aos propietarios das terras, se non demostra que os seus ingresos dependen nun 20 ou 30 por cento da agricultura".

Tamén interesa como quede o capping, o establecemento dunha axuda máxima por beneficiario. Para Ana Rodríguez, técnica do Sindicato Labrego Galego, "é necesario poñer un límite, se o pago é por hectáreas quen máis ten, máis cobra. E se non hai límite, cobrará moitísimo".

27.000 agricultores galegos están pendentes de como avancen as negociacións da próxima PAC, que rexerá ata 2027.

Noticias web

21/10/2020