CRTVG

Buscar

As galardoadas coas Pardo Bazán instan a loitar contra a "feminización da pobreza"

Publicado o 08/03/2021 21:23

Coincidindo con este 8 de marzo, a Xunta entregou as Medallas Emilia Pardo Bazán, coas que recoñece o labor de persoas ou entidades a prol da igualdade entre homes e mulleres.

O protocolo contra a covid−19 fixo que o presidente da Xunta sinalase en vez de impoñer as Medallas Emilia Pardo Bazán. As primeiras en recoller a súa foron a Federación Provincial de 60 asociacións de mulleres rurais de Ourense.

"Tamén queremos dedicar esta medalla a todas as mulleres rurais galegas, símbolos de fortaleza, coraxe e solidariedade", di Isabel Garrido, da Federación de Mulleres Rurais de Ourense 

Rosa Fontaíña recolleu a da Rede Viguesa contra a Violencia dando as grazas ás voluntarias que traballan con elas e pedindo a colaboración das administracións e da cidadanía.

"Para que unha muller vítima da violencia sexa acollida nun centro, ten que fuxir do delincuente. Pero que non poida estar pendente de que só ten unhas semanas aquí, de que se ten unha vivenda uns meses... Unha muller para estar coas súas crianzas e poder elaborar un proxecto novo ten que ter unha seguridade que non ten", afirma Rosa Fontaíña da veciñanza contra os malos tratos de Vigo.

Megumi Shiozawa non puido recoller a súa Medalla Emilio Pardo Bazán que lle deron polo seu labor de conexión do Camiño de Santiago e de Galicia co Xapón. Faleceu en marzo. O seu viúvo lembrouna rachando tópicos sobre as mulleres nipoas.

"Megumi foi verdadeiramente unha embaixadora do Xapón en Galicia, especialmente da rexión de Wacayama, que está irmandada con Galicia", asegura  Ignacio Galiana, viúvo de Megumi Shiozawa.

O presidente da Xunta salientou o feminismo precursor de Emilia Pardo Bazán, convencido de que lle agradarían as medallas entregadas na antiga fábrica de tabacos hoxe Audiencia Provincial da Coruña.

"Estou seguro de que Emilia Pardo Bazán estaría orgullosa das galardoadas. Ela pedía un destino propio para as mulleres. Os premios deste ano son para tres destinos que agrupan moitas mulleres libres, iguais e fraternas. Son a proba de que as ideas que suman multiplican os seus efectos. Moitas desas ideas naceron aquí, en Galicia", di Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta de Galicia.

Noticias web

08/03/2021