O temporal Gaetan, con forte vento e chuvia, causa incidencias por todo o país
Foi unha noite de moito vento e choiva e así seguirá durante o día. Gaetan xa está aquí. O vento xa levantou algunha chapa dalgún edificio en Foz, pero o peor aínda está por chegar.
Os fortes refachos de vento que están a azoutar a comarca da Mariña chegaron a alcanzar unha velocidade de 139,7 quilómetros por hora en Penedo do Galo, no municipio lucense de Viveiro, segundo informou Meteogalicia. Ségueo de preto Vimianzo, con 132 km/h. En Pontevedra, a localidade máis ventosa foi Oia, e en Ourense, Maceda.
Toda a comarca da Mariña está hoxe baixo o nivel de aviso laranxa, precisamente pola previsión de fortes refachos de vento, tanto en terra como no litoral.
De feito, o vento tamén chegou a refachos de 115 quilómetros por hora en Burela e a superar os 100 quilómetros por hora en Foz.
A causa do vento, a Dirección Xeral de Tráfico (DXT) decretou o nivel de servizo vermello na autovía do Cantábrico (A-8), concretamente entre os quilómetros 536 e 552, entre os municipios de Abadín e Mondoñedo, no alto do Fiouco. A velocidade está limitada e recoméndase máxima precaución para circular por ese punto.
Está decretada a alerta vermella por ese vento nesta zona e os camións e vehículos articulados foron desviados da autovía A-8 e teñen que transitar pola N-634. Tamén se puido comprobar tamén que o forte vento, mesturado coa sarabia, fixo que se paralizasen as turbinas eólicas, xa que deixalas traballar traería máis problemas que interromper o seu funcionamento.
Despois dunha madrugada moi dura, con moito vento e moita choiva, desta hora os avisos seguen en boa parte de Galicia. A situación máis complicada está no litoral da Coruña, onde aínda se manteñen activos avisos de nivel laranxa.
O vento estivo acompañado de auga en moitas localidades. Destacan os 90 litros por metro cadrado en Santa Comba. No resto de Galicia tamén choveu, pero menos. Na provincia de Ourense, Muíños foi o concello onde houbo máis precipitacións, e na de Pontevedra foi Vigo. Na provincia de Lugo tamén choveu, pero nada que ver co resto. Chantada foi a localidade onde máis auga caeu e recolléronse 18 litros por metro cadrado.
A borrasca está moi preto do litoral noroeste, así que as fortes rachas de vento deixáronse notar esta noite con especial intensidade. En portos como os de Muxía, Corme e Camariñas a frota permaneceu amarrada. Ainda así, encontramos quen se atreveu a desafiar as inclemencias do tempo, máis que nada porque aquí, ao final, isto é o pan de cada día.
Pontevedra é a unica provincia galega en que o temporal Gaetan deixa dous avisos amarelos, un por vento e poutor por chuvia. Este último estará activo ata as nove da noite xa que se agerdan precipitacións persitentes en toda a provincia especilamente en zonas do interior onde poden producirse acumulacións de auga importantes
Xa deixou un bo susto na ponte de Rande onde se desprendeu parte dunha estrutura sobre a estrada de Vilaboa, afortunadamente sen danos persoais. Na costa rexistráronse fortes refachos de vento que superaron os cen quilómetros a hora en Oia e no Morrazo. As ondas superan nas Rías Baixas os cinco metros de altura e case a totalidade da frota permanece amarrada. Unha situación que se vai manter ata a semana que vén.
Traballarán en terra pero baixo a chuvia, porque o aviso amarelo por vento desactívase este mediodía pero non o que alerta de precipitacións que se vai manter durante todo o día. Será unha tarde de paraugas e de precaución na estradas, porque as precipitacións serán constantes e moi abundantes, podendo acumularse nalgúns puntos do interior máis de 40 litros por metro cadrado en breves espazos de tempo.
As autoridades recomendan aplicar o sentido común ante este tempo adverso: non saír da casa se non é preciso e, de facelo, evitar riscos innecesarios. Os avisos por acumulacións, que lles afectan a zonas da costa da Coruña e á provincia de Pontevedra, van seguir activos ata a noite. As últimas horas do día está previsto que a situación meteorolóxica amaine, pero xa se espera outra borrasca que mañá traerá sobre todo, outra vez, forte vento.