CRTVG

Buscar

Gabilondo rexeita gobernar en Madrid cun Iglesias "extremista e radical"

Publicado o 22/03/2021 14:28
Gabilondo rexeita gobernar en Madrid cun Iglesias "extremista e radical"

O candidato do PSOE ás eleccións madrileñas do 4 de maio, Ángel Gabilondo, afirmou este luns que lle "intranquilizaría" a presenza de Pablo Iglesias, "cunha formulación extremista e radical", nun goberno socialista na Comunidade de Madrid.

"Con este Iglesias, non", respondeu Gabilondo nunha entrevista na Sexta ao ser consultado sobre a posibilidade de que o vicepresidente segundo do Goberno e candidato de Podemos puidese formar parte dun goberno encabezado polo PSOE.

Gabilondo reiterou que non desexa o "clima de confrontación e extremismo" que hai na escena política actual e manifestou con respecto a Pablo Iglesias que desexa que "evolucione noutra dirección".

O candidato socialista dixo que dentro de dous anos haberá eleccións novamente e que agora o necesario na Comunidade de Madrid son "medidas de actuación inminente".

Con respecto a pactos posibles postelectorais, afirmou que o faría con Ciudadanos e con Más Madrid, que foi o que quixo en 2019, cando existiu a posibilidade de crear "un espazo plural e aberto".

Gabilondo insistiu en que Ciudadanos "se equivocouseriamente" entón, optando "por outra cousa", ao unirse ao PP co apoio de Vox, que supuxo "dous anos de desvarío e perda, que conduciron á ingobernabilidade".