CRTVG

Buscar

Foxen cun botín de 26.000 euros dunha cafetería de San Cibrao das Viñas

Publicado o 01/07/2021 14:05

Os ladróns accederon esta madrugada a unha cafetería do Piñeiral por unha pequena ventá, e por esa mesma ventá tamén saíron coa máquina de cobro intelixente que tiña toda a recadación do mes de xuño, 12.000 euros. A iso hai que sumarlle o valor da máquina, que roza os 14.000 euros.

Cando Karina veu abrir esta mañá cedo a cafetería en que traballa xa se decatou de que algo pasara. Nun principio pensou que alguén entrara para facer unha festa ilegal, pero axiña se decatou de que fora un roubo.

Para non ser vistos, os delincuentes voltearon cara ao teito as cámaras de seguridade, e conseguiron fuxir cun botín de 26.000 euros. Sospeitan que foi alguén que sabía dos costumes nesta cafetería do Piñeiral porque agardaron a facelo esta madrugada, 1 de xullo, xusto antes de que os propietarios fixesen a caixa do mes anterior.

A Policía Xudicial xa estivo recollendo pegadas esta mañá. Os ladróns saíron coa máquina pola mesma cativa ventá pola que entraron. A Garda Civil investiga quen pode estar detrás deste cuantioso roubo sen facer apenas estragos nin ruídos nesta cafetería que tan só leva sete meses aberta.

Noticias web

01/07/2021